Indicios de sucidio na morte cun tiro no peito de Miguel Blesa

O corpo do ex presidente de CajaMadrid apareceu sen vida nunha finca en Córdoba.

Miguel Blesa
photo_camera Miguel Blesa

Segundo trascendeu, a Guardia Civil investiga a hipótese de o ex banqueiro se ter suicidado. O disparo tería sido feito cunha escopeta de caza no interior dunha finca de Córdoba á que Blesa se tería trasladado para participar nunha cazaría.

Miguel Blesa -condenado a seis anos de prisión polo escándalo dos cartóns black- foi substituído en 2010 na presidencia de Cajamadrid por Rodrigo Rato, quen apadriñaría a transformación da caixa nun banco, o agora nacionalizado Bankia.

Alén do asunto dos cartóns black, outras causas agardaban por Blesa nos xulgados, en concreto as referidas aos sobresoldos de CajaMadrid ou á peza separada do caso Bankia en relación á venda de preferentes.

Blesa, íntimo de Aznar

Blesa facía parte do círculo de íntimos de Aznar e a súa queda ao fronte de CajaMadrid foi o corolario de escaramuzas bélicas de alta intensidade entre as distintas familias do Partido Popular. Blesa, que non gozaba do apoio de Esperanza Aguirre, acabou sendo relevado por Rato cando Rajoy así o decidiu en 2010.

A relación de Blesa con Aznar rebordaba o ámbito puramente amical e tivo tamén traslación no mundo dos negocios. Así, e segundo publicou no seu día Infolibre, o banqueiro actuou como intermediario entre José María Aznar e a empresa armamentística Einsa, con intereses por conseguir contratos na Venezuela de Chávez, en Libia e na Arxelia.

Comentarios