A 'Flotilla da Liberdade' leva 5.500 toneladas de axuda humanitaria a Gaza

Crónica desde Istambul para 'Nós Diario' de Elena Buch, fotoxornalista a bordo da 'Flotilla da Liberdade'. Esta cuarta feira, 24 de abril, está prevista a saída, desde o porto de Istambul (Turquía), dos barcos da Freedom Flotilla Coallition (FFC), coordinada coa fundación de axuda humanitaria IHH e unha decena de ONG internacionais, en apoio á causa do pobo palestino. O obxectivo das ONG é romper o bloqueo.
Ann Wright na rolda de prensa do sábado pasado (Foto: Elena Buch).
photo_camera Ann Wright na rolda de prensa do sábado (Foto: Elena Buch).

O lema da Flotilla da Liberdade, este ano 2024 é'Romper o Bloqueo a Gaza, para tentar descargar 5.500 toneladas en axuda humanitaria: alimentos, medicamentos…

Por outra parte, reivindica que os Gobernos actúen, se pronuncien e implementen políticas efectivas para parar o xenocidio do pobo palestino. Por este motivo, noutro barco, navegará unha comitiva de 300 persoas, en representación de observadoras internacionais, xornalistas, representantes de organizacións de apoio ao pobo palestino e políticas, Ada Colau, ex alcaldesa de Barcelona, entre elas. 

Do Estado Español embarcarán unhas 20 persoas. O traballo realizado para facer esta misión posíbel remóntase a hai uns seis meses. A poucas semanas da saída da Flotilla, as persoas participantes comezaron a chegar a Istambul, capital de Turquía. Desde aí a organización FFC coordina as súas actividades coas participantes. 

DSC_0285

A pasada sexta feira, 19 de Abril, ofreceuse unha rolda de prensa á que asistiron multitude de medios internacionais; nela participaron diferentes personalidades en representación das diferentes organizacións que dan soporte á Flotilla, como Asun Estriégana , de Rumbo a Gaza; xunto con representación política. Abriu a rolda de prensa Ann Wright, ex coronel da Mariña estadounidense, actualmente retirada, e cabeza de FFC. Manexa un discurso claro desde a tranquilidade e o realismo. Asegura que volverán desta misión máis fortes, máis resilientes; sendo consciente de que estes son os tempos máis perigosos para ir a Gaza. A súa proposta é a de asumir a responsabilidade e os actos que os Gobernos non están a tomar e, desta maneira, cambiar as relacións que a sociedade civil ten co poder. "As forzas de ocupación israelís teñen moito poder, mais a sociedade civil unida ten máis”, expón plenamente convencida, mostrando completa fe no proxecto.

Ann Wright forma parte, xunto con outras persoas de idade avanzada que integran a Flotilla, de “Veteranxs pola paz”, agrupacións de ex combatentes do exército dos Estados Unidos de América (EUA) que, tras participaren de forma directa e activa en diferentes guerras, como Vietnam, Iraq ou Afganistán, a día de hoxe loitan por un mundo en paz. 

Outras voces destacadas na rolda de prensa foron as de Huweida Arraf, avogada palestina-estadounidense; e a da doutora Fouziah Hassan, de Malaisia, e responsábel do equipo médico dos barcos da Flotilla.

Huweida, nas súas declaracións, evidencia a ilegalidade do sitio a Gaza, imposto desde o ano 2007. Móstrase segura, pois séntese apoiada polos milleiros de persoas en todo o mundo que están a saír ás rúas de forma continuada desde hai 6 meses, ás que a Flotilla está a representar. Solicita que os medios fagan o seu traballo e informen sobre a misión da Flotilla, formada por civís desarmadas, cun compromiso estratéxico coa acción non violenta, polo que interceptar os barcos sería ilegal. 

DSC_0099

Como declarou o capitán, natural de Tampa, Florida (EUA), nunha reunión previa, asaltar un barco en augas internacionais considérase pirataría, segundo a lexislación internacional. 

Os datos achegados pola doutora Fouziah son arrepiantes, ela é xinecóloga e remite ás informacións ás que ten acceso, nas que se sospeita que mulleres palestinas, cuxos partos se están atendendo en hospitais controlados polas forzas de ocupación israelís, están a ser sometidas forzosamente a cesáreas e histerectomías, no que podería ser unha evidencia de limpeza étnica. En todo momento manteñen a súa consciencia acerca do perigo desta misión, do mesmo modo que o é vivir en Gaza neste momento.

Asun Estriénaga, participante na Coalición de Flotillas desde o seu segundo ano, relata a Nós Diario como no ano 2011 os barcos que pretendían partir desde Grecia non o puideron facer por non recibir a pertinente autorización gobernamental, mentres outro barco, atracado en Turquía, foi sabotado polo Mosad, concretamente mediante mergulladores que produciron danos mecánicos á embarcación. 

DSC_0219

O perigo ao que se enfrontan estas flotillas viviu o seu punto máis alto en 2010 cando sete barcos que conformaban a misión foron asaltados polo Exército israelí e nun deles, o Mavi Marmara, mataron 10 dos seus participantes e feriron 60. “A circunstancia este ano é a que é”, declara Asun.

Esta actitude, consciente da realidade e á vez de compromiso cunha causa, nun pleno exercicio de solidariedade internacional, parece flotar no ambiente no que se integran as participantes da Flotilla.

300 representantes de 30 países

A mensaxe da Flotilla da Liberdade é clara: “Estamos a navegar por algo máis que Palestina, estamos a navegar pola orde internacional. Isto non pode volver repetirse, nunca, xamais ,en ningún lugar do mundo”. Embarcarán esta cuarta feira no porto de Istambul 300 persoas en representación de 30 países, e solicitan apoio gobernamental, para poder completar a súa misión e poder levar a axuda humanitaria á poboación palestina que vive na Faixa de Gaza.

DSC_0045

Comentarios