Xustiza

A Fiscalía catalá investiga a persecución na 'Operación Catalunya' a un ex fiscal

O Supremo considera ilegal a expulsión de menores a Marrocos en 2021.
O ex presidente español Mariano Raxoi (centro). (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O ex presidente español Mariano Raxoi (centro). (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

Hoxe transcendeu que o Ministerio Público catalán iniciou as pescudas arredor da investigación policial a Martín Rodríguez Sol, ex fiscal superior do territorio, no contexto da ‘Operación Catalunya’, unha iniciativa do Goberno español de Mariano Raxoi e o Partido Popular (PP) entre 2011 e 2018 para espiar sen control xudicial dirixentes ou persoas vinculadas co independentismo catalán e filtrar información falsa a medios afíns para desacreditalas.

A investigación, fundamentada nas publicacións a pasada semana dos xornais elDiario.es, ElNacional.cat e La Vanguardia, parte dos documentos remitidos por distintas unidades da Policía ao Executivo, algúns dos que chegaban ao propio Raxoi.

Un deles, asinado pola Unidade de Asuntos Internos, relacionaba o daquela fiscal xefe catalán con Unió Democràtica de Catalunya, con posterioridade ao seu intento de investigar os documentos falsos elaborados polos implicados na ‘Operación Catalunya’.

A Fiscalía do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya ratificou que a suposta investigación contra Rodríguez Sol “xamais chegou a ser posta en coñecemento de ningún órgano xudicial nin do Ministerio Fiscal” aínda que os axentes policiais estaban “legalmente obrigados” a trasladarlla.

Tres delitos

Para o Ministerio Público, as accións contra Rodríguez Sol poderían constituír un delito contra a súa intimidade, de prevaricación administrativa e de falsidade documental.

Expulsión de menores

Á vez, o Tribunal Supremo sentenciou que a expulsión de menores non acompañados de Ceuta a Marrocos en 2021, impulsada polo Goberno español, foi ilegal, polo que o condenou a pór en marcha as medidas precisas para o seu retorno ao Estado.

Comentarios