ANÁLISE

Fendas na estratexia do Estado na "batalla de Catalunya"

Por vez primeira non hai unha leitura única da situación catalá por parte das elites dirixentes. Hai distintas liñas. O intenso debate no TC sobre o recurso da Moncloa contra a designación de Puigdemont como candidato é a manifestación na superficie dun xordo combate intramuros. Non todos os desexos de Rajoy son ordes xa para órgaos como o consello de Estado ou xuíces como Pablo Llarena.

Felipe VI
photo_camera Felipe VI

Comeza a haber certas disidencias á hora de interpretar o prietas las filas fronte ao fenómeno que o españolismo político e mediático ten baptizado como desafío separatista. Os resultados do 21-D puxeron sobre aviso segmentos significativos do establishment: o independentismo catalán non é derrotábel pola vía eleitoral nen sequer cunha participación de 80 por cento. A liña dura -aplicación do 155, encarceramento dos líderes soberanistas con cargos totalmente inverosímeis como o da rebelión, oposición a calquera entendimento co fuxido Puigdemont- non dera resultado nas urnas. Antes ao contrario: contribuía para blindar o espazo independentista e para impedir calquera achega da terceira vía -o espazo dos comúns- aos partidos mais estremamente unionistas. Con posicións tan agresivas, a hipótese dunha entente entre Catalunya en Comú e o trípode Cs-PSC-PP é puramente ilusoria.

A resolución en virtude da cal o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena xustificou a súa negativa a dar luz verde á petición da Fiscalía dunha nova euro-orde contra Puigdemont é, nese sentido, unha peza paradigmática. O maxistrado argumenta a súa decisión en termos máis políticos do que xurídicos. A ideia de fundo é: se continuamos pola liña máis represiva estámoslle a facer o xogo ao soberanismo. Puigdemont o que tencionaba coa súa viaxe a Copenhague era precisamente provocar a súa detención, segundo Llarena. Mutatis mutandis, segundo esta liña de pensamento, o escrito asinado por Roger Torrent o 22 da xaneiro de designación do número un de Junts per Catalunya pretendía desencadear a suspensión do pleno de investidura por parte do Tribunal Constitucional. O vitimismo sería rendíbel para o soberanismo, entende Llarena. E entenden tamén os membros do Consello de Estado, órgao consultivo que esta quinta feira daba a surpresa ao negar o seu aval ao recurso do Goberno perante o Tribunal Constitucional, unha decisión que debilita extraordinariamente a posición do Gabinete Rajoy no pórtico da nova lexislatura catalá. Non sería a única labazada das togas á posición do Executivo: tamén os letrados do TC acabarían por ditaminar que o recurso non tiña fundamento xurídico, chave do desenlace do debate habido na institución cimeira do poder xudicial durante todo este sábado 27X.


Romay nega o seu apoio á Moncloa

Non é calquera cousa o Consello de Estado e non é calquera no Partido Popular quen o preside. É o galego José Manuel Romay Beccaría. Aos seus 84 anos, continúa a ser un referente nas filas do PPdeG -é unha persoa moi querida por afiliación e cadros intermedios- e non só na súa calidade de mentor de Feijóo. Son coñecidas as súas vinculacións políticas ao Opus Dei, até o ponto de que non poucos correlixionarios reférense a el como O Bispo. Foi chamado en abril de 2014 por Rajoy para se facer cargo da tesourería do Partido Popular en pleno escándalo Gürtel, para no posíbel apagar o lume. Pasou nesa función de bicos nos pés, sen ruídos, norma da casa. Hai uns días -18 de xaneiro- reapareceu no Congreso para, a perguntas da imprensa nos corredores, afirmar que si é evidente que se produciran casos de corrupción no PP. As súas declaracións non deberon facer moita graza na Moncloa.

Foi tamén o propio Rajoy o que o repescou en 2012 para presidir o Consello de Estado, órgao do que xa fora titular durante o aznarismo. É por iso que é especialmente significativo que, con el como presidente, este órgao vire as costas ao Goberno nunha nova escaramuza na batalla de Catalunya, sinal inequívoco de disensos sobre a táctica a seguir a partir de agora, unha vez que o 21-D voltou a repartir as cartas sen que apenas mudase nada o xogo.

O debate no TC

A negativa do Consello de Estado a referendar o recurso puxo en bandexa de prata a inadmisión a trámite aos maxistrados do Constitucional non totalmente aliñados coas posicións máis estremas dentro do bloco constitucionalista. Os argumentos do órgao presidido por Romay eran dificilmente refutábeis: non se pode suspender preventivamente o pleno de investidura porque non se pode dar por suposto que Puigdemont vaia incomparecer nel. Os letrados do TC asumiron esa mesma lóxica e advogaron pola inadmisión a trámite. O maxistrado designado para redixir a ponencia do Constitucional sobre o recurso da Moncloa, Juan Antonio Xiol, colocouse na mesma lóxica: non había lugar para darlle vía libre ao recurso.

Mais o TC é no sistema político español unha prolongación do lexislativo, unha terceira cámara que reproduce a lóxica das maiorías e das minorías. Neste momento, por tanto, as posicións conservadoras -afíns ao PP- son maioritarias. Mais mesmo entre os sectores máis reaccionarios da cúpula xudicial existían escrúpulos á hora de producir unha sentenza sen soporte xurídico suficiente. Escrúpulos e conciencia de que a liña da confrontación pura e dura non está a render os froitos agardados en Catalunya (queda brutal do PP e alimentación da alternativa posmoderna da direita española, Ciudadanos). Non todos os maxistrados conservadores avalaron, pois, a posición de Rajoy. Procuraron, iso si, unha certa solución de compromiso cos progresistas (isto é, cos próximos ao PSOE). E achárona: inadmitíase a trámite recurso, mais introducíase unha medida cautelar para impedir a investidura telemática.

As fendas son evidentes e neste momento A Moncloa non dispón dun poder omnímodo sobre todos os resortes institucionais. Hai elementos que se escapan do seu control. Hai varias liñas en xogo, non totalmente contraditorias (todas elas son contrarias a cesións de fondo ao soberanismo), mais non converxentes. Hai núcleos nas elites que entenden que a linguaxe máis dura -a puramente represiva- só fortalece neste momento as opcións de Ciudadanos, visto polo eleitorado conservador como o novo referente españolista. E hai outros segmentos do establishment que xogan ao contrario, a debilitar Rajoy para favorecer o ascenso de Rivera á cimeira.

O rol da monarquía

Quen si está, en troca, ao servizo da Moncloa é o monarca, como se viu en Davos. Sen ter en conta cal é o seu rol constitucional -o de moderar o funcionamento das institucións e, por tanto, os eventuais conflitos entre elas, tamén entre a Generalitat e o Estado-, Felipe VI é neste momento un peón político do PP de Rajoy e Soraya, cunha visión curto-pracista que mesmo podería pór en risco o futuro da monarquía. A lexitimidade da dinastía Borbón non só está posta en cuestión por no mínimo 50 por cento do eleitorado catalán, senón tamén por cada día máis largos sectores da opinión pública española que comezan a percibir con clareza que o inquilino de La Zarzuela non é precisamente un árbitro neutral.

Comentarios