Falece aos 65 anos o presidente do Parlamento europeo, David Sassoli

A vindeira semana o pleno da Eurocámara elixirá o substituto de Sassoli, que ocupaba o cargo desde xullo de 2019.
David Sassoli, o pasado mes de decembro, nun acto da Eurocámara (Foto: Alexis Haulot/DPA).
photo_camera David Sassoli, o pasado mes de decembro, nun acto da Eurocámara (Foto: Alexis Haulot/DPA).

O presidente do Parlamento europeo, o socialista David Sassoli, faleceu na madrugada desta terza feira no hospital italiano no que fora ingresado hai dúas semanas, segundo confirmou á axencia Europa Press o seu portavoz, Roberto Cuillo.

Sassoli, de 65 anos, faleceu ás 1.15 horas desta terza no Centro de Referencia Oncolóxica da cidade de Aviano, situada na provincia de Pordenone, no nordés do país. Cuillo detallou que "nas próximas horas" publicarase un comunicado oficial no que tamén se detallará a hora e o lugar do funeral.

O presidente da Eurocámara permanecía ingresado desde o pasado 26 de decembro por unha grave complicación provocada por unha disfunción do sistema inmunológico, tal e como informou esta segunda feira a institución. Tras coñecerse a noticia da súa hospitalización, importantes membros das institucións europeas manifestáronse mostrando mensaxes de preocupación e apoio a Sassoli.

Sassoli xa fora hospitalizado de urxencia o pasado mes de setembro en Estrasburgo, no nordés de Francia, debido a unha forte pneumonía que lle sobreveu mentres se atopaba na cidade gala para presidir a sesión plenaria. Máis tarde, foi trasladado a Italia para continuar a súa recuperación, e non foi até dous meses despois, en novembro, cando puido acudir de novo presencialmente a presidir unha reunión do organismo.

É o caso da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, quen sinalara a través do seu perfil na rede social Twitter que os seus "pensamentos" estaban co presidente mentres loitaba por mellorar a súa saúde. Na mesma liña expresouse o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, quen tamén mandara ánimos a Sassoli cunha mensaxe en tres idiomas onde lle desexaba "forza e coraxe" e trasladaba os seus "mellores desexos".

No pleno deste mes de xaneiro, programado para a próxima semana, está previsto que os eurodeputados elixan a substitución de Sassoli na Presidencia do Parlamento europeo para a segunda metade da lexislatura. Sassoli, eurodeputado desde o ano 2009, foi nomeado en xullo de 2019 como presidente da Cámara, sucedendo no cargo ao italiano Antonio Tajani.

Condolencias

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, lamentou esta mañá a noticia e lembrou Sassoli como "un amigo progresista, gran defensor dos valores europeos". Tamén a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, salientou o "europeísmo" do italiano, de quen tamén destacou "o seu bo facer, a capacidade de diálogo e o firme compromiso cos valores humanistas".

Comentarios