xoves 15/04/21

Facas fóra no independentismo escocés

O regreso do ex primeiro ministro Alex Salmond ao panorama político de Escocia a pouco máis dun mes das eleccións está a revolucionar as filas do soberanismo escocés. Co seu novo partido, o Alba, aspira a achegar deputados para unha "supermaioría", mais desde o SNP cren que pon trabas á independencia.
EuropaPress_3581724_26_february_2021_united_kingdom_edinburgh_former_scottish_first_minister
Salmond na comisión parlamentaria que investigou a actuación do Goberno no seu caso, en febreiro (Andy Buchanan / PA Wire)

A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, exixiu unha desculpa de Alex Salmond ás mulleres que o acusaron de acoso se quere chegar a algún tipo de acordo político. A tamén líder do Partido Nacional Escocés (SNP, nas siglas en inglés) manifestou ademais que o seu predecesor tanto no Goberno como na formación regresa porque "adora os focos e non pode soportar non ser protagonista".

Fíxoo nunha entrevista publicada esta terza feira, 30 de marzo, polo Daily Record (xornal escocés aliñado cos postulados do Partido Laborista), poucos días despois de Salmond anunciar que concorrería ás eleccións do 6 de maio á fronte do partido Alba. O seu obxectivo, dixo na pasada sexta feira, é lograr unha "supermaioría pola independencia", aproveitando o peculiar sistema electoral escocés. 

A tensión polo proceso xudicial a Salmond crebou a relación con Sturgeon e provocou unha fenda dentro do partido, relativamente invisíbel pola cohesión que ofrece ser a forza maioritaria no Parlamento e no Goberno. O ex líder cre que se manobrou contra el desde a contorna de Sturgeon, á que non obstante se ofrece agora para chegar a acordos.

"Alex quere pasar páxina porque lle convén agora dicir que quere pasar páxina", afirmou a primeira ministra. "Mais hai un número de mulleres aí fóra que consideran que non se comportou de maneira apropiada con elas e que non amosou, a día de hoxe, ningún sentimento de reflexión ou de contrición, ou mesmo de ser consciente da situación", engadiu.

O caso Salmond

Alex Salmond foi absolto de 13 delitos sexuais en 2020. Porén, durante o xuízo o seu avogado recoñeceu que, aínda que nunca asaltara sexualmente ninguén, puido ser "un mellor home nalgunhas ocasións". Tras ser declarado inocente, as nove mulleres que o acusaran emitiron un comunicado de forma anónima a través da ONG Rape Crisis Scotland sinalando que estaba "devastadas". "Agardamos que expor as nosas experiencias sirva para protexer e empoderar as mulleres no futuro", apuntaron.

O Goberno escocés tamén lanzou unha pescuda sobre estes casos (entres as denunciantes había unha política do SNP, unha traballadora do partido e varias funcionarias), algo que o investigado interpretou como unha "manobra maliciosa e coordinada" para danar a súa reputación. 

A semana pasada, a primeira ministra superou unha moción de censura logo de unha comisión parlamentaria estabelecer que houbera unha mala praxe, con "contradicións" na declaración de Sturgeon a respecto da súa actuación. A oposición acusouna de protexer a Salmond ─que pensa todo o contrario─ e ela asegurou que el lle pedira interceder no seu favor.

Vía catalá: dúas visións 

A respecto da idea da "supermaioría" usando os mecanismos do sistema electoral, Sturgeon sinalou ao Record que "temos que gañar a independencia de maneira xusta e correcta. Non podemos xogar ou facer trampas para alcanza o noso obxectivo". 

Neste sentido, considerou que a estratexia do Alba corre o perigo de "pór trabas" e mesmo de ser "contraproducente", "socavando a posibilidade de lograr esa maioría que estabelece os alicerces para un referendo de independencia".

A convocatoria dun segundo referendo de independencia é outra das cuestións que separa a Salmond e Sturgeon, mesmo dentro do propio SNP. Os partidarios do primeiro consideran que cómpre ser máis proactivos, invocando mesmo a "vía catalá" (unilateral, sen contar co preceptivo acordo con Londres como en 2014). Así, por exemplo, avogan por convocar masivas manifestacións nas rúas e chamar a atención da comunidade internacional, algo que en Catalunya non deu froitos.

Sturgeon, pola contra, cre que "non hai atallos". "Só seremos independentes cando unha maioría da xente en Escocia o queira, e sexamos capaces de facelo a través dun proceso democrático, lexítimo ─e visto como lexítimo─ que poida así gañar o apoio e o recoñecemento da comunidade internacional", sinalou na entrevista. E engadiu: "Calquera político serio que diga que hai unha alternativa sen cumprir con todas esas cuestións creo que está a enganar a xente".

Eixo esquerda-dereita

Outra diferenza latente dentro do SNP, que agora se fará patente co xurdimento de Alba, é no eixo ideolóxico esquerda-dereita, cos partidarios de Sturgeon ─a liña oficial do partido─ abeirando cara a posicións máis conservadoras, aínda dentro dunha axenda progresista similar ao Laborismo. 

Na Convención Nacional do SNP de decembro pasado, o sector máis esquerdista dentro do partido, o Common Weal Group (CWG), logrou facerse con algúns postos de dirección, segundo recollía na altura o dixital (autodefinido "anticapitalista") Conter. Porén, o fundador do CWG, Craig Berry, e o ex deputado do SNP George Kerevan anunciaron esta terza dfeira que abandonaban o partido para se uniren ao Alba.

Nun comunicado recollido polo diario independentista The National, argumentan que os seus esforzos para promover ideas progresistas dentro do SNP, "democratizalo" e levalo a políticas "contrarias á economía de mercado", foron "frustradas". "En tanto que o Goberno do SNP ten un historial positivo en reformas sociais, invalidounas cun xiro á dereita en temas económicos vitais", din. 

Entre as propostas "frustradas" citan a creación dun Banco Nacional de Investimento; e da viraxe conservadora, a "política thatcherista de desregulación e antisindical" en novas zonas francas. 

Aposta política no sistema electoral

O Sistema de Membro Adicional (AMS, polas siglas en inglés) é o sistema electoral que opera en Escocia (e en Gales), coñecido fóra do Reino Unido como de representación proporcional mixta. Nel é que se apoia Salmond para defender a concorrencia do Alba. Asegura que podería chegar a "90 ou mesmo máis" deputados independentistas na Cámara de Holyrood de 129 (actualmente, o SNP ten 61 e goberna co apoio dos Verdes).

O AMS mistura o sistema británico, o constituency vote (o candidato con máis votos gaña o escano), co maioritario en Europa, o regional vote (vótase unha lista de partido e distribúense os postos proporcionalmente). Na práctica cada elector emite dous votos por papeleta, e Salmond cre que no segundo, no rexional ─deseñado para facer o resultado final máis proporcional─, é onde o Alba pode recoller os restos deixados polo SNP para sumar representantes e evitar que vaian a formacións unionistas.

comentarios