Nace un novo partido soberanista escocés

O Alba, do ex primeiro ministro Alex Salmond, ameaza con fracturar o voto
sturgeon-salmond_2012
photo_camera Sturgeon e Salmond presentan o 15 de outubro de 2012 o acordo entre Londres e Edimburgo para a convocatoria do referendo de 2014 (Foto: Goberno de Escocia)

Alex Salmond, ex primeiro ministro de Escocia, foi absolto de 13 delitos sexuais en 2020. Dous anos antes abandonara o Partido Nacional Escocés (SNP) para non o prexudicar; e a súa sucesora e protexida, Nicola Sturgeon, distanciouse del co fin de que o caso non fose politizado, "rompendo unha relación que fora moi importante para min, política e persoalmente", confesou esta semana. Agora volveranse reunir, mais cara a cara, pelexando polos mesmos votos. 

Salmond leva tempo convencido de que foi a camarilla de Sturgeon quen conspirou contra el. Dentro do propio SNP, partido que aglutina o voto independentista, mantén fieis aliados á figura que logrou convencer a Londres de convocar un referendo en 2014. Mais é Sturgeon quen elevou a real a posibilidade de gañar unha hipotética segunda consulta, tal e como mostran as enquisas.

A última, publicada no Press and Journal, dá ao SNP unha ampla maioría nas eleccións parlamentarias do 6 de maio (67 deputados, por 61 que ten actualmente do total de 129). Serán fundamentais de cara ao panorama político dos próximos anos a respecto da organización territorial do Reino Unido. O soberanismo escocés preséntaas como plesbicitarias.

Mais o anuncio televisado de Salmond onte, anunciando que concorrerá cun novo partido liderado por el, o Alba, racha con todos os esquemas. Na cuarta feira, a seis semanas dos comicios, disolveuse a Cámara. Na véspera, Sturgeon superaba unha moción de censura logo de que unha comisión parlamentaria a acusase de mentir durante as pescudas sobre Salmond, de ocultar información para protexelo. Unha investigación independente considerou que non tivera influencia no caso.

Salmond asegurou que o seu obxectivo é lograr unha "supermaioría pola independencia" (#supermajory, é o lema que se podía ler ás súas costas), aproveitando as peculiaridades do sistema electoral. É dicir, sumar máis representantes, non dividir o voto. Sostivo que desta maneira se podería chegar até "90 ou mesmo máis".

Porén, desde o Partido Laborista cualificaron o movemento de "axuste de contas". En calquera caso, a hexemonía do SNP sobre o soberanismo xa está en cuestión.

Independencia, si, mais dentro da UE

Son xa máis de 20 enquisas consecutivas onde a cidadanía escocesa se manifesta a prol da independencia. Non é esta a novidade, polo tanto, na última que acaba de ser publicada polo xornal Press and Journal ─o máis antigo de Escocia─. Desta volta a pregunta contiña un condicionante que fai variar decisivamente o resultado final: 53% din 'Si' a saír do Reino Unido, sempre e cando se entre na UE.

A sondaxe, elaborada por Survation entre o 11 e o 18 de marzo sobre unha mostra de 2.000 persoas, estabelece unha variábel interesante: preguntados se "Escocia debería ser un país independente", 51% dos consultados responderon que non; mais a mesma pregunta coa garantía de regresar ao bloque comunitario deitaba esa cifra favorábel ao 'Si' de 53%.

Esta alternancia na resposta é máis evidente nas persoas que no referendo do Brexit de 2016 votaron a favor de permanecer na UE: dun apoio de 54% na primeira pregunta, pasan a outro de 59% na segunda opción. 

A liña mantense desde hai cinco anos: a maioría dos votantes favorábeis ao Brexit oponse á independencia, e viceversa.

Comentarios