O Goberno galego aprobará a semana que vén o teito de gasto nun Consello da Xunta extraordinario

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, viaxou hoxe a Madrid para acudir ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).
Reunión do Consello da Xunta, nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta, nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón)

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou que convocará para esta segunda feira un Consello da Xunta extraordinario co obxectivo de aprobar o teito de gasto co que a Administración galega elaborará os orzamentos para 2023.

Segundo apuntou Rueda, agarda que, para esa reunión, o Goberno español concrete a cifra que corresponde á Galiza das entregas a conta, que ascenderán até os 134.336 millóns de euros no total do Estado español.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo galego desta cuarta feira, o presidente confirmou esta reunión extraordinaria, a falta de coñecer esta contía, para contar xa co teito de gasto 

Precisamente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta, Miguel Corgos, viaxou hoxe a Madrid para acudir ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

A Xunta conta con "toda a información"

"Aínda non nos comunicaron cal será a asignación individual de recursos", asegurou Corgos á saída da reunión, para despois afirmar que confía que, "en próximos días", o Goberno español envíe "máis pormenorizado" o rendemento de cada tributo que integra o sistema de financiamento.

Aínda que "queda algún dato pendente", en "termos xerais" a Xunta conta con "toda a información que precisa" para definir o teito de gasto, subliñou o conselleiro. Aliás, citou algunhas "boas noticias" comunicadas no CPFF, como as previsións de recadación do sistema de financiamento autonómico.

Neste sentido, Corgos pediu na xuntanza que o Ministerio de Facenda "fixese un esquema global" da súa proposta de reforma do financiamento para que as autonomías poidan pronunciarse sobre ela. 

Sobre o déficit permitido para 2023, que o Executivo estatal subiu de 0,1% a 0,3% do PIB, o conselleiro de Facenda valórao como un "mecanismo de flexibilidade para facer fronte a posíbeis complicacións" que poida haber o próximo exercicio, entre as que mencionou "axudas que haxa que desenvolver para familias que sufran máis a suba dos prezos".

Comentarios