O financiamento centrará a reunión de Rueda coa oposición

O financiamento centrará a primeira reunión que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manterá coa líder do BNG, Ana Pontón, e co do PSdeG, Valentín González Formoso. A xuntanza, solicitada pola oposición, será, segundo desvelou esta quinta feira Rueda, na tarde da segunda feira.
O presidente galego, Alfonso Rueda, esta quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Xunta)
photo_camera O presidente galego, Alfonso Rueda, esta quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Xunta)

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, informou da data da reunión coa oposición esta quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Nela, e despois de que o presidente situase o financiamento como cuestión chave no encontro, a prensa interrogouno sobre a posición da Xunta e do Partido Popular nesta materia.

 Rueda afirmou que a súa "postura" respecto dos criterios de repartición do financiamento autonómico "non variou", e ao tempo, aproveitou para defender o anterior presidente do Executivo e actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, a este respecto. "A miña postura non variou e a de Feixoo, estou seguro de que tampouco", aseverou preguntado polos medios a respecto das declaracións de Feixoo en que, no marco da campaña electoral andaluza, está a defender que o financiamento autonómico deba "ser proporcional á poboación absoluta" de cada territorio. Esta postura do líder do PP contrasta coa que mantiña cando era presidente do Goberno galego cando defendía que había máis criterios a ter en conta no tocante ao financiamento, como o avellentamento ou a dispersión poboacional.

"O que está a dicir o presidente do PP é que hai que falar o antes posíbel de financiamento autonómico e tentar chegar a un acordo no cal todos poidamos chegar a estar máis ou menos satisfeitos", sinalou Rueda.

Noutra orde de cousas, na reunión con Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), segundo avanzou o propio Rueda, tentará buscar o apoio de nacionalistas e socialistas para "pedir as competencias de Costas" ao Estado. O titular do Executivo galego explicou as "razóns" de por que "quere esta competencia" e argumentouno sobre a base de que "está en risco" a actividade económica, nun territorio que é o que "ten máis costa" en toda a península. "Agora mesmo, coa lexislación actual, hai moitas empresas que están a crear riqueza e que están en serio risco", advertiu.

Tamén após o Consello da Xunta, o presidente informou da aprobación do Plan de seca da Demarcación Galiza-Costa, "co fin de ordenar e dar resposta aos períodos sen choiva e garantir o abastecemento de auga aos cidadáns". Explicou, ademais que o plan proporciona ás Administracións os instrumentos xurídicos para facer fronte aos procesos de seca. O novo plan presenta unha actualización que "busca mellorar a eficacia e afrontar os retos futuros, como as consecuencias derivadas do cambio climático".

35 parroquias en alto risco de incendio

No Consello da Xunta tamén se debateu e aprobou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga). Durante a rolda de prensa, Rueda informou de que hai un total de "35 parroquias de alto risco de incendio".

Durante a rolda de prensa, Rueda tamén foi preguntado sobre a sentenza condenatoria á CRTVG por vulnerar os dereitos de Carlos Jiménez, traballador da casa, pola súa participación nos Venres Negros. Sobre isto, Rueda dixo "non coñecer o contido da sentenza" pero, ao tempo, apoiou a liña e actuacións da propia CRTVG.

Comentarios