A autonomía fiscal centra o debate do novo modelo de financiamento

As dúas primeiras especialistas en participar na Comisión que estuda un novo modelo de financiamento, María Cadaval e Elena Muñoz, defenden a importancia da dispersión como criterio.

 

Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)
photo_camera Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)

O Estado español acumula “máis recursos que competencias” mentres limita a “flexibilidade” dos territorios para “adoptar e adaptar a súa recadación ás necesidades de cada momento”, incidiu onte María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, na apertura das comparecencias de especialistas na Comisión especial de estudo do novo sistema de financiamento no Parlamento.

Antes de deixar a quenda á segunda convidada, a senadora do Partido Popular e ex conselleira de Facenda, Elena Muñoz, Cadaval sintetizou os principais aspectos que permitirían un financiamento axeitado da Galiza, apuntando a necesidade dunha “nivelación total” entre territorios, “melloras” no que respecta ás cesións dos principais impostos, e mais uns criterios de poboación axustada que respondan ás características propias do país, como a dispersión da poboación.

Con todo, pediu unha “harmonización mínima” entre territorios que evite desprazamentos cara aos que contan cunha menor presión fiscal, así como que asuman “autonomía e responsabilidade” arredor dos fondos como o de liquidez autonómica, salientando que os territorios que decidan baixar impostos non poden estar exixindo a transferencia de máis recursos.

Porén, para alcanzar a autonomía tributaria que defende, explica que os territorios terían que xestionar a “configuración dos seus ingresos”, o que choca cos dous anos necesarios para “facer a regularización e axuste real” do IRPF.

Maior transparencia e cogoberno é preciso neste novo modelo, concluíu, pois o Executivo estatal "non pode seguir acaparando recursos e información sobre recursos dos que dispón de forma unilateral".

Unha vez rematou Cadaval, colleu o micrófono a ex conselleira de Facenda, que acusou o Goberno estatal de aplicar “criterios políticos e non técnicos”, polo que sostivo que é preciso “limitar criterios arbitrarios e discrecionais”.

Entrementres reclamaba "unha rebaixa fiscal selectiva e dirixida", Muñoz sinalou como factor clave do novo modelo a inclusión da dispersión e o envellecemento no cálculo, o que faría “bo para a Galiza e para o resto de comunidades” o novo sistema.

Ademais, reivindicou un sistema de financiamento adecuado para poder falar de “autonomía financeira real”, o que constitúe unha “garantía de autogoberno”, e cuestionou que o modelo actual ten “problemas” desde o seu nacemento ao non ser pactado.

Hoxe produciranse as comparecencias dos economistas Xosé Díaz e Santiago Lago no Parlamento.

Comentarios