venres 24/09/21
Difunden un manifesto que asinan máis de 400 ex mandos

Ex membros do exército alertan do "risco da unidade de España"

Ex mandos das Forzas Armadas españolas difunden no día da Constitución española un manifesto contra o Goberno do Estado.
EuropaPress_3371447_miembros_legion_participan_desfile_terrestre_pretende_rendir_homenaje_todos
Imaxe do desfile militar do 12 de outubro de 2020. (Foto: Pool)

A polémica no aniversario da Constitución de 1978 chegou coa presentación dunha declaración en contra do Goberno do Estado, impulsado pola Fundación Franco e que xa ten reunidas máis de 400 sinaturas de ex mandos das Forzas Armadas.

Trátase, presumibelmente, dunha manobra para sumar apoios da Armada, que non quixo secundar as cartas e que lle enviaron a Felipe VI 39 membros da XIX Promoción da Forza Aérea e 73 da XXIII do Exército de Terra.

O "grave risco para a unidade de España e a orde constitucional" que supón o Goberno español é, segundo os militares retirados, o motor deste manifesto.

Os asinantes aseguran que seguen a ser militares e, por tanto, manteñen o seu xuramento de garantir a soberanía e a integridade de España. Ademais, sosteñen que, como retirados, teñen plena liberdade de expresión e non están suxeitos ás leis disciplinarias militares.

Entre os ex mandos que secundan a mencionada declaración atópase o comandante Ricardo Pardo, condenado a 12 anos de cadea pola súa participación no golpe de Estado do 23-F en 1981.

Xunto a el, asina tamén o tenente xeneral José María Mena, cesado como capitán xeneral de Sevilla e arrestado por suxerir, no discurso da Pascua Militar de 2006, que o exército interviría se o Estatuto de Catalunya sobrepasaba determinados "límites infranqueábeis”.

Outra das figuras militares que apoia o manifesto é o xeneral de división Juan Chicharro, presidente da Fundación Franco, entre outros moitos.

O total de militares retirados no Estado español é de 20.000, así que conseguir un bo número de sinaturas non parece que lles vaia resultar complexo. Xa en 2018, para o manifesto de "desagravio" a Franco, no que se facía apoloxía do ditador, reuniron un milleiro de sinaturas. Nesta ocasión, partiron con 271 firmas que se incrementaron en 200 en 24 horas.

comentarios