O ex avogado de Trump implícao en axudas ilegais de campaña para tapar un escándalo sexual

Talvez non sexa a conexión rusa a que acabe tombando Donald Trump. Talvez sexan os achados colaterais do fiscal especial Robert Mueller. Esta segunda feira, o ex avogado do presidente dos EUA admitiu nunha declaración ao FBI que pagou diñeiro a dúas mulleres —unha actriz porno, unha modelo de Playboy— para ocultaren as súas relacións íntimas co político e magnate.

[Imaxe: VtactualCOM] Donald Trump.

MIchael Cohen declarou que por orde de Donald Trump pagou 130 mil e 150 mil dolares, respectivamente, á actriz porno Stormy Daniels e á ex modelo de Playboy Karen McDouglal para comprar o seu silencio e, destarte, protexer a candidatura de Donald Trump nas eleccións presidenciais de 2016. As autoridades xudiciais poderían considerar estes pagamentos como contribucións ilegais á campaña do líder republicano. Cohen declarouse culpábel de delitos electorais.

Pinta mal a cousa para Trump, tanto que até Lanny Davis, o avogado de Cohen, apunta directamente o inquilino da Casa Branca. Nun chío en twitter, Davis perguntouse: "Se estes pagamentos son un delito para Cohen, por que non ían selo para Trump?".

O cerco xudicial sobre o presidente dos EUA vaise estreitando. Coincidencia ou non, esta mesma terza feira un tribunal de Alexandra (Virxinia) considerou o ex chefe da súa campaña, Paul Manafort, culpábel de 8 dos 18 delitos de que era acusado. Os cargos —fraude fiscal e bancario— non teñen que ver directamente co seu ex chefe, senón coas súas actividades como consultor político en Ucrania, mais claramente salfiren Trump e complican moito a situación xudicial do líder da superpotencia.

A discusión agora nos círculos políticos e xurídicos dos EUA é se xa hai materia de abondo para incriminar Trump por participar en delitos durante unha campaña xa baixo sospeita pola hipotética manipulación rusa, o asunto que está a investigar o fiscal especial Robert Mueller. Son as pesquisas abertas por este as que indirectamente resultaron na confesión de Cohen e na condena de Manafort.

Comentarios