No 'Eurovisión das linguas minorizadas', cantar dise "liet"

Hai máis música alén de Eurovisión. Hai máis linguas alén das maioritarias en Europa, das maioritarias dentro dos Estados. O Liet, creado en Frisia hai 20 anos, busca iso: dar visibilidade aos idiomas europeos minorizados, que non por careceren de Estado propio ou por teren menos falantes posúen linguas e culturas menores.
liet_2021
photo_camera O frisón Adri de Boer gañou na edición de 2021, que se desenvolveu sen publico por mor da Covid-19 (Foto: Liet / Facebook)

Naceu en 2002 en Frisia, co fin de dar aos grupos de música contemporánea que cantan nunha lingua minorizada un escenario internacional. Neste tempo "medrou até se converter nunha alternativa multilingüe ao festival da canción de Eurovisión", con presenza de até 56 linguas, segundo explican na súa web. Cunha diferenza: "cantar en inglés está prohibido". 

O Liet Ynternasjonaal, coñecido entre 2006 e 2008 como Liet-Lávlut, volve pór a maquinaria a funcionar e o 13 de maio, na vila danesa de Tønder, terá lugar a 13ª edición tras ser cancelada de maneira presencial en anos anteriores por mor da pandemia da Covid-19 (outros anos non se fixo por motivos económicos). 

O último certame con público desenvolveuse en 2018, na localidade frisoa de Ljouwert. A lingua galega estivo representada daquela pola banda de garage rock Familia Caamagno, que interpretou o tema Lausanne; e pola cantora de soul galego-suíza Nastasia Zürcher, con Espertos. Ljouwert xa fora o primeiro emprazamento do Liet ("cantar", en frisón) hai 20 anos.

Segundo adiantou esta semana a Radio Galega, Carolina Rubirosa será a representante galega, coa canción O teu camiñar. O videoclip do tema é a peza promocional do Camiño Inglés a Compostela, e está protagonizado por Julia Baird, irmá menor do finado beatle John Lennon. En 2020 xa fora seleccionada co tema Sozinha.

Cobertura mediática internacional

Frisia, nación histórica ao norte dos Países Baixos, organizou as primeiras catro edicións. Desde entón, percorreu varios territorios de Europa e recibe cobertura mediática de prestixiosos medios internacionais como a BBC. A radiotelevisión pública británica entrevistou en 2008 a banda galega Boy Elliott & The Plastic Bags durante a súa presenza no certame organizado na cidade sami de Luleju (Luleå, en sueco).

O frisón Adri de Boer gañou en 2021. Entre as vencedoras en anteriores edicións do festival, que conta co apoio do Consello de Europa, hai cancións en catalán (2002), corso (2008), feroés (2010) ou bretón (2012). Gañadoras oficiais segundo o xurado, porque no Liet tamén se concede o premio á gañadora do público. 

As pandeiretas das Tanxugueiras resoan no 'Times' e no 'Economist'

O fenómeno Tanxugueiras, e máis concretamente a polémica xerada tras non ser elixidas para representar España no festival da canción de Eurovisión, segue a dar que falar e que escribir. Tamén a nivel internacional. Hai dez días era o diario inglés 'The Times' quen publicaba unha crónica do seu correspondente en Madrid sobre o malestar entre os seguidores do grupo folk galego polo desenlace do Benidorm Fest, e o balbordo político no contexto lingüístico ibérico.

Tamén o semanario editado en Londres 'The Economist' publicou na edición de onte un artigo titulado "Escape from La La land" (facendo un xogo de palabras coa premiada canción de Massiel e o filme de Hollywood), onde tomando a polémica eurovisiva como punto de partida analiza a situación das linguas non dominantes en Europa e a desconsideración que reciben as que non contan con Estado propio.

Comentarios