Estados Unidos aproba a venda a Israel de armamento de precisión

O proceso provocou críticas de varios congresistas.
EuropaPress_3717246_17_may_2021_palestinian_territories_gaza_city_palestinians_inspect_the
photo_camera Imaxe dos restos dun edificio de vivendas derruído polos ataques israelís (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

O Goberno dos EUA aprobou unha venda de armas por valor de 735 millóns de dólares (máis de 600 millóns de euros) a Israel, nun acordo que ve a luz en pleno bombardeo israelí sobre Gaza, que hoxe continuaba, e que deixa xa 200 palestinos mortos, incluídos 58 menores.

O acordo, que contempla a entrega de armamento de precisión, foi notificado polo Executivo do presidente Joe Biden ao Congreso o 5 de maio, segundo varias fontes consultadas polo diario The Washington Post. Isto é, case unha semana antes de comezar o intercambio de ataques a ambos os dous lados da fronteira de Gaza.

O Goberno está obrigado a notificar este tipo de acordos ao poder lexislativo e, habitualmente, non transcende até que o Congreso lle dá un visto bo informal. Tras a notificación, os lexisladores teñen 20 días para presentar obxeccións.

Varios congresistas xa terían expresado o seu malestar por este paso, malia que tradicionalmente a clase política estadounidense foi pro israelí e mantivo un discurso común a ambos os dous lados do espectro político, tanto demócrata como republicano.

Un demócrata que forma parte da Comisión de Exteriores da Cámara de Representantes puxo en cuestión tanto o fondo do acordo como o momento en que se anunciou. "Permitir que siga adiante este plan para vender bombas intelixentes sen facer presión a Israel para que acorde un cesamento do fogo só aumentará o masacre", lamentou.

Veto na ONU

Ademais, Estados Unidos bloqueou por terceira vez nunha semana a emisión dunha declaración conxunta do Consello de Seguridade para condenar a violencia en Israel e a Faixa de Gaza e pedir un cesamento do fogo.

A declaración, que se discutiu o domingo foi presentada por Noruega, Tunisia e a China tras unha sesión de urxencia do Consello pola escalada de violencia, e criticaba ambas as partes. No entanto, as negociacións seguen en curso.

Durante a sesión aberta do Consello, a primeira xa que as anteriores se desenvolveron a porta fechada, a embaixadora dos Estados Unidos ante a ONU, Linda Thomas-Greenfield, asegurou que o seu país está "a traballar incansabelmente a través das canles diplomáticas para tratar de pór fin a este conflito". Ademais, pediu a Hamas que deixe de lanzar foguetes cara a Israel.

Berlín, con Israel

Ademais, a presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, volveu condenar os ataques de Hamas con foguetes, e trasladou ao primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, que teñen "dereito" a defenderse e protexerse ante o "terrorismo". A oficina de Netanyahu agradeceu as palabras da mandataria alemá.

"Aquí non hai unha vida que valla máis que outra. Toda vida é digna", afirmou o portavoz de Merkel, Steffen Seibert. Ademais, dixo que o Executivo "continuará a tomar medidas decisivas contra as protestas en Alemaña que difunden o odio e o antisemitismo".

Políticos de todo o espectro alemán condenaron os cánticos antisemitas nas manifestacións a prol de Palestina da fin de semana, así como a queima de bandeiras israelís fronte a sinagogas. Segundo os medios alemáns, dous xudeus foron agredidos.

MSF

Médicos Sen Fronteiras, por outra banda, denunciou esta segunda feira os ataques "inxustificábeis" de Israel sobre unha das súas clínicas en Gaza na fin de semana que causaron a morte de 42 persoas, entre estas dez menores.

Comentarios