Israel continúa a machucar Gaza: 42 vítimas nun día, 13 delas menores

Netanyahu cualifica de “branco lexítimo” o edificio que acollía sedes de axencias de prensa internacionais e que foi derrubado pola aviación israelí.

Gaza Mohammed Talatene  Dpa -
photo_camera Paramédicos palestinos co cadáver dun neno morto no ataque da aviación de Israel a un edificio de vivendas en Gaza. (Foto: Mohammed Talaten )

Israel continúa a bombardear Gaza e o domingo foi o día máis sanguento desta nova intervención da súa aviación militar na Franxa: 43 persoas mortas, 13 delas menores de idade. Tel-Aviv teima en que continuarán cos bombardeos “o que sexa necesario”, se ben non acaba de concretar, cando as vítimas deses ataques xa superan as 200, que é o que entende por “necesario”.

Ás vítimas civís súmase a ofensiva contra a prensa.  A aposta do Goberno de Israel é porque non haxa testemuñas do que está a acontecer na Gaza. Netanyahu cualificou de “branco lexítimo” o edificio que albergaba diferentes oficinas de prensa e que foi derrubado polos mísiles israelitas.

Durante a madrugada desta segunda feira, os bombardeos israelís mantiveron a súa alta intensidade sobre a Franxa.

A aviación israelí di que atacou vivendas de responsábeis do movemento Hamás, e 15 quilómetros de rede de túneles subterráneos, coñecida como "Metro. As milicias da franxa, lideradas por  Hamás e a Yihad Islámica, continuaron co disparo de foguetes cara a Israel.

Respecto a a mediación internacional para tratar de rebaixar a tensión e a escalada de violencia, o secretario de Estado estadounidense,  Antony  Blinken, anunciaba este domingo que falou co ministro de Relacións Exteriores exipcio,  Samé  Shoukry.

Segundo explicou o propio  Biden, trasladoulle a  Shoukry a necesidade de que "todas as partes reduzan as tensións", xa que "a violencia debe terminar de inmediato". Exipto tratou, con en ocasións anteriores, de exercer de mediador entre ambas as partes para chegar a un cesamento do fogo, aínda que as conversacións con Israel víronse frustradas pola negativa ao diálogo.

Xerusalén, cidade santa

E como pano de fondo un conflito enquistado, que se remonta a 1948 e a 1967: o desaloxo de varias familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah, en Xerusalén, para ser entregadas a colonos xudeus, que as reclaman desde a ocupación, xa que alí se sitúa a tumba dun venerado sacerdote. 

As familias palestinas viven legalmente alí desde a década de 1950, cando a xurisdición era de Xordania ─país custodio dos lugares santos musulmáns e cristiáns de Xerusalén─. O 10 de maio estaba prevista a decisión xudicial, mais foi adiada ante os acontecementos na praza da mesquita de Al Aqsa, na Cidade Vella de Xerusalén, lugar sagrado para cristiáns, musulmáns e xudeus.

Tres día antes, nun xesto inédito, a Policía israelí entrou a dispersar con extraordinaria violencia as manifestacións a prol das familias, deixando centos de feridos. O operativo, en sexta feira ─día sagrado para os musulmáns, ao igual que o é o sábado para os xudeus e o domingo para os cristiáns─ do Ramadán, foi tan inoportuno, que é difícil pensar que se ignoraban as implicacións.

Comentarios