'Qatargate': catro imputados polo escándalo dos subornos na Eurocámara

Os ex eurodeputados Eva Kaili e Pier Antonio Panzeri están a ser investigados, canda outras dúas persoas, por unha trama de corrupción que sacode as altas esferas de Bruxelas.
A ex vicepresidenta do Parlamento europeo, Eva Kaili. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm)
photo_camera A xa ex vicepresidenta do Parlamento europeo Eva Kaili. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm)

Xa son catro as imputacións no marco do que se deu a coñecer nas últimas horas en Bruxelas como Qatargate. As autoridades policiais de Bélxica detiveron desde a pasada sexta feira a agora ex vicepresidenta do Parlamento europeo, a grega Eva Kaili, canda outras cinco persoas acusadas de participar dunha trama de corrupción perpetrada desde Doha, segundo adiantou o xornal Le Soir.

Alén de Kaili, o xuíz belga encargado da instrución deste caso de presuntos subornos para "branquear" a imaxe do réxime qatarí, que comezou a investigarse no verán, xa imputou outros tres dos detidos nas últimas horas: o ex eurodeputado italiano Pier Antonio Panzeri —canda Eva Kaili, da bancada socialdemócrata na Eurocámara—, o seu antigo asistente e parella da ex vicepresidenta, Francesco Giorgi, e mais un lobbista de Bruxelas identificado pola prensa belga como 'F'. Aliás, nas últimas horas foi rexistrada tamén a vivenda dun segundo parlamentario, o socialista belga Marc Tarabella.

O pai de Kaili, se ben foi liberado xunto ao sexto detido, Luca Visentini —secretario xeral da Confederación Sindical Internacional—, foi sorprendido cando tentaba fuxir con varios sacos cheos de diñeiro en efectivo. En total, nos primeiros rexistros efectuados no marco desta investigación acháronse perto de 600.000 euros.

A teoría que manexan as autoridades policiais é que o Goberno qatarí pretendía estender a súa influencia "nas decisións económicas e políticas" da Unión Europea ofrecendo cuantiosas retribucións a persoas, como a propia Eva Kaili, "cunha posición política ou estratéxica significativa" en Bruxelas.

Na sesión plenaria do pasado mes, a ex vicepresidenta da Eurocámara cuestionara as críticas vertidas cara a Doha desde os países da UE e afirmara que Qatar está "na vangarda dos dereitos laborais". "Están a discriminalos e acosalos, mais logo pídenlles o gas. Están axudando e logrando o imposíbel", engadiu daquela. Kaili tamén mantivo un encontro, días antes do inicio da Copa do Mundo, con altos cargos do país do Golfo.

Pola súa parte, Panzeri estaba á fronte da ONG 'Fight Impunity' (Combater a Impunidade) desde que abandonara en 2019 o seu escano no Parlamento europeo, unha organización dedicada, precisamente, á loita contra as violacións de dereitos humanos no mundo.

A Fiscalía de Bélxica ten a sospeita de que as decisións políticas e económicas adoptadas en Bruxelas e Estrasburgo nos últimos meses puideron estar "influenciadas" polo réxime qatarí, que este domingo negou calquera implicación na trama.

Este non é, nin moito menos, o primeiro escándalo que sacode Qatar. Hai xa unha década a revista France Football denominara tamén Qatargate a polémica adxudicación do Mundial de fútbol, nun caso de corrupción, intercambio de favores e compra de votos que involucraría altos cargos da FIFA, a UEFA, o Paris Saint-Germain e mesmo o daquela presidente francés, Nicolas Sarkozy.

Por outra parte, o pasado mes o xornal The Telegraph deu conta de máis unha trama da que se terían lucrado os líderes talibán por medio da construción das infraestruturas para o Mundial, con cartos que procederían das "prestacións lucrativas" outorgadas a estes grupos fundamentalistas no marco das conversas de paz cos EUA e a ONU.

Comentarios