ELECCIóNS EN IRLANDA

Enquisas a pé de urna sitúan o Sinn Féin como terceira forza política

As enquisas a pé de urna vaticinan un menor apoio do agardado para o Fine Gael, o partido do primeiro ministro irlandés, que se mantén na primeira posición, seguido do Fianna Fáil, hexemónico durante décadas, mentres que o Sinn Féin se colocaría na terceira posición ao ascender case un 7%. O Partido Laborista sufriría a peor caída.

Dáil_Chamber
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] A Cámara Baixa de Irlanda (Dáil)

Dado o complexo sistema electoral irlandés, os resultados electorais da cita coas urnas faise esperar. Polo de agora só se coñecen os resultados das enquisas a pé de urna. O da cadea pública RTE sitúa en primeiro lugar o Fine Gael, formación conservadora na que milita o primeiro ministro, Enda Kenny, que caería un 5% e obtería o 24,8% dos votos, lonxe do 36,1% dos apoios que conseguiu en 2011.

O Partido Laborista, socio dos conservadores no Goberno de Dublín na pasada lexislatura, sufriría a maior das caídas, xa que ficaría só co 7,1% dos votos, cando nas anteriores eleccións obtivera o 19,5% dos apoios. Segundo a enquisa, os dous partidos non conseguirían facerse coa maioría absoluta na Cámara Baixa, que está composta por 158, de maneira que todo apunta a un escenario complexo. De feito, de non haber un gran pacto, non se descarta a convocatoria de novas eleccións en seis meses.

O Fianna Fáil sería o segundo partido máis votado segundo a enquisa, ao conseguir o 21,1% dos votos. Esta formación, que gobernou o país durante décadas, chegou a perder 57 escanos nos anteriores comicios, cando ficou con tan só 20 e co 17,4% das papeletas.

Todo apunta a que o nacionalista Sinn Féin sería a terceira forza en apoios, ao lograr o 16% dos votos, case un 7% máis que nas anteriores eleccións, cando pasara de ter 10 deputados a 14. Desta maneira, superaría en apoios ao socio de goberno do Fine Gael.

O resultado definitivo podería atrasarse até o domingo ou mesmo até a segunda feira.

Comentarios