Enésimo "non" de Costa á geringonça

O debate entre os dous favoritos a gobernar Portugal deixou a gobernabilidade do país despois da eleccións do 30 de xaneiro no aire.
costa-rio_debate
photo_camera António Costa, á esquerda, e Rui Rio, momentos antes de comezar o debate, retransmitido simultaneamente por varias canles de TV (Foto: RTP)

Non é posíbel "nas atuais circunstâncias refazer a geringonça". António Costa, cabeza de lista do Partido Socialista (PS) e primeiro ministro en funcións, non quere saber nada dos partidos á súa esquerda, os que facilitaron o seu ascenso ao poder en 2015: Bloco de Esquerda (BE) e Partido Comunista Português (PCP).

A cuestión da gobernabilidade, a mesma que levou a adiantar as eleccións lexislativas ao vindeiro 30 de xaneiro, volveu ficar no aire tras o debate que na quinta feira pola noite mantiveron Costa e o principal candidato a desbancalo do poder, Rui Rio, presidente do PSD (dereita liberal). 

O cara a cara entre os líderes do Goberno e da oposición ─o "debate decisivo", tal e como foi bautizado polos medios lusos─ si que serviu para recalcar as diferenzas entre ambas as formacións en cuestións como o salario mínimo (a palabra "salários" foi pronunciada 16 veces durante os 75 minutos de debate, segundo o reconto realizado polo Observador).

O PS prometeu que chegará a 900 euros en 2026, unha cifra que BE e PCP consideran ínfima e foi unha das causas de o Orçamento do Estado 2022 (OE22) non ter sido aprobado. Para Rio é mesmo demasiado, "num momento em que as empresas não conseguem vender e não têm receitas" e sen capacidade de pagar, "porque é o Estado que está a pagar uma parte do salário a muitas delas".

A saúde foi outro dos temas ao que máis tempo dedicaron os líderes dos dous principais partidos portugueses. Rio avogou por dar solucións ao que considera unha carente resposta por parte do Serviço Nacional de Saúde, ao que Costa respondeu acusándoo de querer que sexan as clases medias as que paguen a atención sanitaria coa súa proposta de sistema mixto público-privado. 

Escenario pos electoral

Diferenzas en temas chave, todas xa coñecidas. Mais, en definitiva, o risco dun atoamento parlamentario tras o 30 de xaneiro segue presente. Logo, quen e como se gobernará despois desa data? 

Costa insistiu en desbotar o Goberno tripartito de esquerda ─a famosa geringonça─ dentro da estratexia por atraer votos do centro dereita á procura da arelada maioría absoluta. Mais en caso de esta non chegar, o socialista apuntou a posibilidade dun Goberno en minoría con acordos parlamentarios día a día, norma a norma. 

Tamén lanzou unha chiscadela ao PAN (Pessoas-Animais-Natureza), formación que ─salientou o primeiro ministro─ foi "a par do PS, o único que não contribuiu para a crise política", en referencia á súa abstención na votación do OE22. 

Podería haber un Goberno PS-PAN? Podería de se cumpriren as mellores expectativas da sondaxe publicada esta semana pola RTP, Antena 1 e Público. Isto é, 113 deputados para o PS e 4 para o PAN, nunha Assembleia da República que conta con 230 asentos.

O PAN, non obstante, tampouco renunciou a dar un hipotético apoio a un Goberno liderado por Rui Rio, sempre e cando non estea presente o ultradereitista Chega!. O PAN "não se identifica na dicotomia esquerda direita" recoñecía a súa líder, Inês Sousa Real, no cara a cara da segunda feira coa bloquista Catarina Martins.

'Alerta' desde a dereita

En fronte, no caso de a dereita sumar, Rui Rio dixo que "preferencialmente" procurará "um entendimento com o CDS e com IL [forzas conservadora e liberal] se tivermos 116 deputados [maioría]". "Se não tivermos, o PS deve estar disponível para negociar com o PSD a solução de Governo", sostivo.

E deixou unha 'alerta' ao electorado 'moderado', na liña do rexeitamento que en BE e PCP xera a figura de António Costa: pode volver a geringonça, mais con Pedro Nuno Santos ─ministro de Infraestruturas e figura emerxente no PS─ á fronte do Goberno.

O povo é quem mais ordena, retrucan tanto BE como PCP

O debate entre Costa e Rio foi visto por máis de 3,2 millóns de portugueses, cun share total de 59,9%, superando os datos do último, nas xerais de outubro de 2019. Na análise do día seguinte, tanto Martins como Joao Ferreira, do PCP, comentaron o novo desplante do líder socialista. "O PS diz tudo e mais alguma coisa para tentar exigir uma maioria aos eleitores, mas quem decide o que se fará no dia a seguir às eleições é quem vai votar", sinalou a bloquista. E Ferreira ─que tomou as rendas da campaña mentres Jerónimo De Sousa se recupera dunha intervención cirúrxica─ afirmou: "Essa [se hai ou non geringonça] é uma equação que só se resolve no dia 30 e quem resolve é o povo, não é ninguém pelo povo". Ademais, Catarina Martins tamén se referiu ao comentario de Rui Rio sobre o 'perigo' dun regreso do BE ao Goberno: "Em Portugal também se sabe que o Bloco de Esquerda tem sido a força que combate o abuso, porque protege o país. Isso talvez incomode a direita, mas essa é a natureza do BE". 

Comentarios