Até 36 debates televisados para pedir o voto en Portugal

O domingo botou a andar o maratón de debates electorais, que contempla polo menos dous cara a cara diarios entre líderes dos partidos portugueses até o 15 de xaneiro. Ademais, os días 17 e 18 haberá dous debates multipartidistas, o primeiro entre as forzas con presenza na Assembleia e o segundo, entre as extraparlamentarias.
EuropaPress_4053954_antonio_costa_primer_ministro_portugal_asamblea_republica
photo_camera O primeiro ministro portugués, António Costa, durante a votación do Orçamento do 27 de outubro (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press)

O líder do Partido Socialista (PS) e primeiro ministro en funcións de Portugal, António Costa, aspira á maioría absoluta. É o obxectivo declarado de cara ás eleccións lexislativas do vindeiro 30 de xaneiro, convocadas ante a imposibilidade de o Goberno aglutinar apoios abondos para aprobar o Orçamento de 2022

Volveuno explicitar o domingo pola noite, no primeiro debate electoral desta campaña, un cara a cara na TV pública, RTP, con Rui Tavares, líder do Livre (ecosocialista). "Nas atuais circunstâncias, uma solução estável e progressista só é possível com uma maioria do PS", afirmou. Un argumento que António Costa repetiu en varias ocasións ao longo do debate.

Tavares, pola súa banda, pediu "virar a página" e apostar por "funcionar com a maioria que os portugueses dão". É dicir, con base en acordos. Neste sentido incidiu na necesidade de asinar un entre todas as formacións da esquerda. Mais Costa defendeu que Portugal non debe ficar a expensas "dos humores, das jogadas políticas ou daquilo que é movimentação tática de cada um dos partidos". Segundo el, a estabilidade é dada por un programa para catros anos.

Martins vs. Ventura

A seguir, na SIC Noticías, foron dúas propostas diametralmente opostas ás que se confrontaron no segundo debate electoral televisado: un cara a cara entre Catarina Martins, líder do Bloco de Esquerda (BE), e André Ventura, líder do ultradereitista Chega. 

"O BE quer aumentar o RSI e as pessoas que fiquem em casa sem trabalhar", acusou el. O RSI, ou Rendimento Social de Inserção, é unha axuda similar á Risga galega. Ventura argumentou que "há pensionistas que recebem pensões de 200 euros, mas o BE quer dar 700 euros, casa e trabalho a quem veio do mediterrâneo com um telemóvel na mão", en referencia ás persoas refuxiadas e inmigrantes que buscan abeiro en Europa.

Martins retrucou lembrando que "André Ventura é um condenado por racismo [...] É a primeira vez em 40 anos de democracia. Sei que se orgulha".

13 de xaneiro, data do cara a cara entre Costa e o líder da oposición 

O menú de onte pola noite incluía outros dous cara a cara. O primeiro, na SIC, entre Rui Rio, líder do conservador PSD (principal forza da oposición) e o ultradereitista Ventura; o segundo, na CNN Portugal, entre os representantes do BE e do PCP. O líder dos comunistas, Jerónimo de Sousa, xa advertiu que só participaría nos transmitidos en sinal aberto. Si que estará hoxe (21 horas, TVI) no que o sentará fronte a Costa. O cara a cara entre o primeiro ministro e Martins ─a outra pata da antiga geringonça─ será o 11 de xaneiro, (21 horas, RTP). E dous días despois chegará un dos máis decisivos, o que sente fronte a fronte a Costa e a Rio (22 horas, simultáneo por RTP, SIC e TVI). Ademais, a TV pública fará dous debates multipartidistas os días 17 e 18: o primeiro entre as forzas con presenza na Assembleia e o segundo, entre as extraparlamentarias.

Comentarios