luns 29/11/21

Crise matrimonial na esquerda portuguesa

A geringonça, o nome dado popularmente ao acordo das tres forzas da esquerda parlamentaria tras as eleccións de 2015, está en crise. O BE e o PCP teñen previsto votar hoxe en contra dos orzamentos do Goberno e camiñarase cara a un adianto electoral –buscado ou non–. O PS podería saír reforzado, mais non hai maioría de se consumar o divorcio. 
EuropaPress_3679836_01_may_2021_portugal_lisbon_protesters_hold_placards_during_demonstration
Manifestación sindical do Primeiro de Maio polas rúas de Lisboa, con reivindicacións sociais. (Foto: Jorge Castellanos / SOPA)

"Eu não consigo compreender qual é a estratégia do Governo, a não ser querer eleições antecipadas", reflexionaba onte a coordinadora do Bloco de Esquerda (BE), Catarina Martins, sobre a imposibilidade de chegar a un acordo entre as forzas da esquerda para aprobar o Orçamento do Estado de 2022 (OE22).

A Assembleia da República iniciou onte ás 15 horas locais o debate á totalidade da proposta de OE22 presentada polo Goberno do primeiro ministro António Costa, que hoxe será previsiblemente rexeitada en pleno se o BE ou o Partido Comunista (PCP) manteñen a intención de votar en contra. A web do Parlamento estimaba unha duración de dez horas para o debate.

Na véspera, o PCP anunciaba por boca do seu secretario xeral, Jerónimo de Sousa, que votaría 'Non' a estes orzamentos ante a negativa do Goberno a atender as necesidades urxentes do país, malia haber  "meios e condições".

Uníase así á posición defendida polo BE, que no domingo tamén adiantou a oposición ás contas do Executivo que sustenta o Partido Socialista (PS) ante a insistencia "em impor recusas onde a esquerda podia ter avanços". 

Martins cualificou onte esta actitude de "tremenda irresponsabilidade". Non obstante, abría a porta a seguir negociando até o derradeiro instante. "O Bloco de Esquerda aqui está hoje, amanhã, em todos os dias, para construir soluções", manifestou.

Modelo "esgotado"

O director do xornal Público, Manuel Carvalho, sostiña no editorial de onte que, suceda o que suceda co voto do PCP e do BE, "o modelo de convivência à esquerda esgotou-se" porque "a esquerda da esquerda constatou que não pode continuar a ser um apêndice do Governo. Quer governar por interposto partido".

"Depois de ano e meio de privações, perante a incerteza sanitária do futuro próximo ou os riscos da conjuntura económica que se agravam a cada dia, a crise nasceu e prosperou", reflexionaba, e consideraba que "só por hipocrisia ou cinismo se pode acreditar que ela se supera com uma mera mudança táctica no sentido de voto do Bloco ou do PCP".

A proposta de OE22 contempla un crecemento da economía portuguesa de 4,8% en 2021 e 5,5% en 2022. O déficit das contas públicas nacionais ficará en 4,3% do Produto Interno Bruto (PIB) en 2021 e descenderá até 3,2% en 2022, estima o Executivo. E a taxa de desemprego caerá a 6,5% no próximo ano, "atingindo o valor mais baixo desde 2003", segundo recolleu o Observador. Ademais, a débeda pública baixará até 122,8% do PIB en 2022, con respecto a 126,9% estimado para este ano.

Tímidas medidas

O Goberno de António Costa advertiu que un voto en contra da Assembleia aos orzamentos significará o bloqueo de medidas a respecto de salarios, de pensións, do Serviço Nacional de Saúde (SNS) ou da lexislación laboral. O secretário de Estado dos Assuntos Parlamentares, Duarte Cordeiro, elaborou un guión para responder hoxe e mañá, punto por punto, ás críticas tanto do BE como do PCP.

Entre os reproches está, por exemplo, que o aumento exixido do salario mínimo até 850 euros non se dea até 2025 (para 2022 subirá 40 euros, até 705, "o maior aumento anual de sempre", segundo defendeu Costa no debate da Assembleia de onte). Tamén, cuestiónase a suba de 10 euros ─a partir de agosto─ nas pensións mínimas, até 658.

A respecto da fiscalidade, PCP e BE critican que o OE22 non recolla unha redución significativa dos impostos sobre a renda, con apenas beneficios para os salarios máis baixos. Ademais, non hai incidencia nos impostos indirectos, aqueles que paga toda a poboación por igual independentemente das condicións de vida e dos ingresos.

A dereita, en fóra de xogo

"O BE está a propor em muitos casos aquilo que foram propostas de sempre do PS. Alguém compreende porque é que o PS recusa as suas próprias propostas anteriores?", criticou Martins, e engadiu: "Há muitos socialistas neste país que também querem soluções".

A prensa portuguesa salientaba onte que o Goberno mantivo unha xuntanza na segunda feira pola noite, despois de se coñecer o sentido do voto do PCP: Costa e o seu Gabinete xa non contemplan outro escenario que non sexa o de eleccións anticipadas.

A líder do BE insistía: "Porque é que o Governo diz que não a propostas tão sensatas, tão ponderadas, tão fundamentais? O Governo quer uma crise política? Talvez queira." A insinuación de Catarina Martins ten unha lóxica clara e é que as hipotéticas eleccións collerían os principais partidos da dereita, PSD e CDS, en pleno proceso de eleccións internas. 

Chega, terceira forza

"Os únicos dois beneficiários claros são o Chega e o Iniciativa Liberal. Mesmo as piores sondagens dão-lhes substancialmente mais do que tiveram em 2019", dixo sobre un posíbel adianto electoral André Azevedo Alves, profesor do Instituto de Estudos Políticos da Universidade Católica, en declaracións a Renascença, emisora xestionada pola Igrexa. O último barómetro, publicado por Nascer do SOL, con entrevistas entre 18 e 21 de outubro, reflicte que o PS non chegaría á maioría absoluta (38,1%, dous puntos máis que nas eleccións de 2019). O PSD, 27,5% (27,7% en 2019) sería segundo; e o ultradereitista Chega sumaría 9,2% (1,29% en 2019), superando a BE e PCP

Crise matrimonial na esquerda portuguesa
comentarios