Empregar o móbil ao conducir custará 6 puntos do carné no canto de 3

O Consello de Ministras e Ministros aprobou un paquete de medidas para avanzar na seguridade viaria que inclúe ese nivel de sanción. Ademais, os patinetes a motor non poderán ir pola beirarrúa nin superar os 25 quilómetros por hora.
EuropaPress_3423386_ministro_interior_fernando_grande-marlaska_ministra_portavoz_hacienda_maria
photo_camera Comparecencia posterior ao Consello. (Foto: Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira un paquete de reformas sobre tráfico para incrementar a seguridade viaria e, entre outras medidas, inclúe elevar de 3 a 6 os puntos a restar polo uso do móbil no coche.

Outra das decisións alcanzadas foi a de incrementar de 3 a 4 puntos o castigo por non levar posto o cinto de seguridade.

Aliás, será unha infracción grave levar mecanismos no vehículo de detección de radares, estean ou non activados. Todas estas medidas aparecerán recollidas no anteproxecto de lei que reforma o Texto Refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos de motor e Seguridade Viario respecto ao carné por puntos.

En canto aos límites de velocidade, tórnase a vista a modelos de cidade que na Galiza levan tempo aplicados, como o de Pontevedra. Coas novas medidas non se poderán sobrepasar os 20 km por hora nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa e nas dun único carril por sentido de circulación, o límite será de 30. Nas vías de dúas ou máis carrís por sentido de circulación, seguirá a ser de 50 km/ hora.

No entanto, todos estes novos límites non se aplicarán até pasados seis meses da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) para dar tempo a que a xente os coñeza.

Regulación dos patinetes

Os patinetes a motor, que se viron implicados en bastantes accidentes no Estado e que non tiñan unha regulación expresa, non poderán circular pola beirarrúa nin zonas peonís. Respecto aos límites de velocidade, prohíbese que superen os 25 quilómetros por hora. 

A definición escollida para este modo de transporte exclúe vehículos destinados a persoas con mobilidade reducida. Terán que cumprir as normas de circulación como o resto de vehículos (as e os condutores poden ser requeridos para probas de alcoholemia, non deben empregar auriculares...) e queda tamén vedada a súa circulación en vías interurbanas, travesías, autoestradas e autovías que transcorran dentro de poboado nin en túneles urbanos.

Comentarios