O embaixador francés abandona o territorio nixerino tras ser expulsado

París cede perante a Xunta Militar de Níxer.
O embaixador francés en Níxer, Sylvaine Itté (2º pola esquerda). [Foto: Nós Diario]
photo_camera O embaixador francés en Níxer, Sylvaine Itté (2º pola esquerda). [Foto: Nós Diario]

Máis dun mes despois de que a Xunta Militar que goberna Níxer logo dun golpe de Estado incruento a finais de xullo anunciara a expulsión do embaixador francés, Sylvaine Itté, brindándolle un prazo de 48 horas para saír do país, o diplomático abandonou esta cuarta feira o país africano.

A decisión, que fora revelada polo presidente francés, Emmanuel Macron, en paralelo á saída dos 1.500 soldados franceses no país, constata a cesión de París fronte ás exixencias da Xunta Militar, que acusou Macron de estar a liderar a preparación dunha intervención militar para restituír no poder o presidente Mohamed Bazoum. Tamén aceptou a fin da cooperación militar con Níxer, após rachar os golpistas os acordos ao respecto.

Para Insa Garba Saidou, un activista que colabora coa Xunta Militar, a reclamación para que Francia marche da súa ex colonia parte do fracaso francés na loita contra o terrorismo, a interferencia na política interna nixerina e os efectos do uso do franco CFA, utilizado en antigos territorios colonizados por París, que “é a base do subdesenvolvemento en África e Níxer en particular”.

Comentarios