A ultradereita continúa o seu ascenso en Europa cunha vitoria nos Países Baixos

O PVV de Geert Wilders obtería 35 escanos, o dobre que en 2021. O liberal VVD perdería o goberno após trece anos en mans de Mark Rutte.
Geert Wilders, líder da formación de extrema dereita PVV, depositando hoxe o seu voto. (Foto: @geertwilderspvv)
photo_camera Geert Wilders, líder da formación de extrema dereita PVV, depositando hoxe o seu voto. (Foto: @geertwilderspvv)

As enquisas dos últimos días xa advertían do progresivo ascenso do ultradereitista Geert Wilders, líder do ultradereitista Partido pola Liberdade (PVV), e os primeiros datos que chegan desde os Países Baixos parecen confirmar esta tendencia. As sondaxes a pé de urna danlle nada menos que 35 escanos, o dobre que os que obtivera nos comicios de 2021 e un máis que os logrados polo Partido Popular pola Liberdade e a Democracia (VVD) do gañador daquela cita e actual primeiro ministro, Mark Rutte.

E precisamente o VVD é o gran perdedor. Segundo as mesmas enquisas realizadas durante a xornada electoral, caería até a terceira posición con 23 deputados e deputadas, perdendo practicamente toda posibilidade de manter un goberno que Rutte dirixiu sen interrupción desde o ano 2010. A papeleta dos liberais encabézaa agora Dilan Yesilgöz após o paso á beira dado polo aínda dirixente do país.

Até o segundo posto ascendería a coalición progresista dos socialdemócratas do PvdA (Partido Laborista) e os Groen Links (Esquerda Verde), con 26 escanos, nove máis que os que sumaran por separado nas anteriores eleccións. A súa cabeza visíbel é Frans Timmermans, ex vicepresidente da Comisión Europea.

Os democristiáns do Novo Contrato Social (NSC), partido creado hai apenas uns meses co obxectivo de facerse co Executivo, superaría todas as expectativas, sempre con base nas sondaxes a pé de urna, ao acadar 20 asentos na Cámara de Representantes neerlandesa. Está liderado por Pieter Omtzigt, ex deputado de Chamada Demócrata Cristiá (CDA), formación da que se escindiu canda parte da militancia e que agora perdería dez dos 15 escanos que lograra en 2021, ficando con cinco.

Os socioliberais de Demócratas 66 (D66) obterían dez asentos; o agrarista Movemento Campesiño Cidadán (BBB), sete; o Partido Socialista, cinco, e o animalista PvdD, catro. Outras formacións repartiríanse os 15 escanos restantes até chegar aos 150 que compoñen o Parlamento.

Comentarios