Dinamarca alén de ‘Borgen’: impuxo unha feroz campaña anticonceptiva en Grenlandia

A serie de culto Borgen volveu pór a relación entre Dinamarca e a que se fora a súa colonia, Grenlandia, de actualidade. Precisamente, a independencia da illa a respecto de Dinamarca é un dos asuntos de fondo desta ficción coproducida por Netflix. Con motivo da estrea de Borgen. Reino, poder e gloria, recuperamos a política de anticoncepción aplicada por Dinamarca en Grenlandia entre os anos sesenta e setenta.

A cidade de Ittoqqortoormiit, en Grenlandia (Imaxe: Adobe Stock)
photo_camera A cidade de Ittoqqortoormiit, en Grenlandia (Imaxe: Adobe Stock)

Considerado un dos mellores dramas políticos dos últimos anos, e venerada pola crítica e polo público, Borgen volve ás pantallas, con novos conflitos, dez anos despois do seu final. Faino cunha especie de ‘revival’ coproducido por Netflix, que vén de estrear Borgen. Reino, poder e gloria.

A relación de dominación de Dinamarca sobre Grenlandia subxace na trama desta segunda parte da serie, que ten como fío condutor a descuberta de petróleo na illa máis grande do planeta -Australia considérase un continente- que ficou baixo control danés en 1814, após a separación dos reinos de Noruega e Dinamarca.

Considerado territorio autónomo, Grenlandia forma parte de Dinamarca, de maneira oficial, desde 1953, momento en que a ONU deixou de considerala colonia. O traspaso de competencias dotou de máis capacidade de decisión a illa en 1979. O referendo de 2008 -cun si do 75,5% á ampliación do estatuto de autonomía- supuxo a concesión do dereito de autodeterminación de Dinamarca.

Tras o referendo, a partir de xuño de 2009, Grenlandia obtivo unha maior participación dos ingresos procedentes da explotación dos seus recursos naturais, o control das Cortes e a oficialidade do idioma grenlandés. Dinamarca, pola súa parte, mantén a xestión de Defensa e das Relacións Exteriores, ámbito este do que é ministra Birgitte Nyborg, a protagonista da serie.

O DIU implantouse á metade das mulleres en idade fértil

Copenhague tratou de controlar a natalidade na súa colonia entre a década dos sesenta e dos setenta cun feroz programa anticonceptivo que consistiu na implantación forzada de DIU entre as mulleres grenlandesas. A radio pública danesa DR fixo pública unha investigación que demostra que a partir de 1966, Dinamarca promoveu o dispositivo intrauterino entre 4.500 mozas a partir de 13 anos. Unha cifra que representaba a metade das mulleres en idade fértil que había na illa.

Segundo a radio pública danesa, que emitiu un podcast ao respecto, a meirande parte das afectadas non recibiron ningún tipo de información e non concederon nin elas nin as súas familias a autorización, de maneira que tiveron coñecemento do DIU anos despois, debido ás infeccións e aos problemas para concibir.

Un xinecólogo xubilado ofrece o seu testemuño na gravación difundida pola DR, na que asegura que os DIU eran demasiado grandes para mulleres que nunca quedaran embarazadas e que provocaban esterilidade de forma permanente.

A emisora pública danesa explica que os dispositivos de anticoncepción foron colocados durante abortos ou despois de parir co fin de atallar a preocupación polo aumento da poboación da illa. En tan só unha década, a campaña, con acusacións de xenocidio, provocou unha caída á metade no número de nacementos: de 1.674 en 1964 a 638 en 1974.

Asimilación dos inuit

A implantación forzada de DIU, que acabou debido ás presións da ONU, non foi a única medida polémica de Dinamarca en Grenlandia. Nos anos cincuenta, nenos inuit foron separados dos seus pais, nalgúns casos sen a súa autorización, e enviados a Copenhague para se criaren con familias danesas.

O Goberno danés anunciou recentemente a redacción dun informe sobre a relación entre Grenlandia e Dinamarca para contribuír, en palabras da primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, á “reconciliación” entre os dous territorios. No estudo incluirase, a petición do Parlamento grenlandés, a anticoncepción forzada.

O Executivo da illa ofrece na actualidade axuda psicolóxica as mulleres vítimas da campaña.

Suicidios e alcolismo

Os problemas sociais que arrastra Grenlandia, cuberto de xeo en gran parte do territorio, recaen, sobre todo, na mocidade, sector da poboación no que se rexistra un suicidio cada mes. A taxa chegou a situarse nos 83 suicidios por cada 100.000 persoas.

O alcolismo, o desemprego e os abusos sexuais son outras das preocupacións do país, que consta de ao redor de 50.000 habitantes. Son outras das consecuencias, segundo voces expertas, dun proceso de "dinamarquización" que causou grande impacto na esfera social.

Comentarios