Dimite Magdalena Andersson tras as eleccións en Suecia, que abren a porta do goberno á ultradereita

O bloque que apoiaba o Partido Socialdemócrata suma 173 escanos, por volta dos 176 da dereita e a extrema dereita.
A primeira ministra sueca, Magdalena Andersson, atendendo aos medios na xornada electoral do pasado domingo. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga Press)
photo_camera A primeira ministra sueca, Magdalena Andersson, atendendo aos medios na xornada electoral do pasado domingo. (Foto: Nicolas Maeterlinck / Belga Press)

A candidata do Partido Socialdemócrata de Suecia, Magdalena Andersson, mellorou en 2,2% os resultados electorais de 2018 o pasado domingo, con 30,5% dos votos. Porén, na tarde desta cuarta feira vén de anunciar a súa dimisión.

O motivo non é outro que a imposibilidade de conformar un goberno, pois o bloque que abrangue as formacións de centrodereita, dereita e extrema dereita sumou un maior número de apoios.

Así, a suma dos ultras de Demócratas de Suecia, os democristiáns, os liberais e os moderados suman 176 escanos, por volta dos 173 que reúnen socialdemócratas, esquerda, verdes e centristas.

A ultradereita, con 73, fica en cabeza dentro do bloque das dereitas, mais é o candidato moderado, Ulf Kristersson (68 escanos) o chamado a conformar un novo Executivo en Suecia.

Durante a campaña electoral, liberais, democristiáns e moderados propuxeron gobernar co apoio externo de Demócratas de Suecia, se ben o líder desta formación, Jimmie Akesson, reclamou ao remate da xornada electoral un papel "central" no goberno.

Magdalena Andersson seguirá á fronte do seu partido como líder da oposición e matiza que, no caso de que as dereitas non logren alcanzar un acordo, estará disposta a "cooperar con calquera que queira ser parte da solución aos problemas que enfronta Suecia".

Pola súa parte, Ulf Kristersson confirmou que xa iniciou as conversas para formar goberno e que busca "xuntar e non dividir".

Comentarios