Pode gobernar a extrema dereita en Suecia? O fascismo, cada vez con maior poder institucional en Europa

Con 95% do voto escrutado, a formación ultradereitista Demócratas de Suecia obtería a segunda posición no Parlamento sueco.
Sede do Parlamento sueco. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do Parlamento sueco. (Foto: Europa Press)

Este domingo tiveron lugar en Suecia as eleccións lexislativas, nas que o Partido Socialdemócrata aspiraba repetir no goberno coa súa primeira ministra, Magdalena Andersson, á fronte. Porén, con 95% do voto escrutado, o bloque conservador, cun partido de extrema dereita como maior expoñente, obtería a maioría necesaria para gobernar.

A pesar de gañar os comicios con algo máis de 30% dos votos, a socialdemocracia sueca corre serio risco de perder o poder institucional. Neste momento, o bloque progresista suma 174 escanos dos 349 do Riksdag. Destes 174, 108 corresponden ao Partido Socialdemócrata de Magdalena Andersson.

En segunda posición marcha Demócratas de Suecia, partido de orixe neonazi cun marcado discurso islamofóbico e fascista. Fundado en 1979 como Bevara Sverige Svenkst, adoptou a súa actual denominación en 1988 para intentar mudar a súa imaxe, mais mantivo a súa ideoloxía ultradereitista.

Cos actuais resultados, obtería 73 deputados e deputadas e 20,6% dos votos. Encabezaría así o bloque de partidos conservadores en Suecia, que obterían os 175 escanos restantes da cámara lexislativa.

Moderados e Liberais, chaves para a formación de goberno

Na terceira posición queda a que até a de agora era a principal formación da oposición en Suecia: o Partido Moderado, con Ulf Kristersson como candidato, que obtería 67 escanos e 19,1% dos votos.

O Partido Centrista e o Partido de Esquerda empatan agora mesmo  na cuarta praza con 6,7 % dos votos e 24 escanos cada un. Pola súa parte, o Partido do Medioambiente quédase en 5,4% e 19 deputados. Por último, tanto cristiandemócratas como liberais obterían 18 e 16 parlamentarios respectivamente.

Precisamente, da decisión que tomen o Partido Liberal e o Partido Moderado dependerá que a extrema dereita sueca e o seu líder, Jimmi Åkesson, obteñan o poder institucional en Suecia. Até o de agora, o bloque conservador estabelecera un “cordón sanitario” a Demócratas de Suecia, o que permitiu ao Partido Socialdemócrata gobernar a pesar de existir maiorías conservadoras.

Porén, a vitoria do partido de extrema dereita no bloque conservador e o cambio de postura de formacións como os moderados e os cristiandemócratas, que agora abren as portas a negociar con Åkesson, podería levar a que esta formación de corte fascista alcance por primeira vez na súa historia o goberno de Suecia.

Comentarios