Dimite Adriana Lastra, número 2 do PSOE, a dez meses das eleccións municipais

O Partido Socialista prepárase para a remodelación das súas estruturas de cara aos comicios locais de maio de 2023. No caso do PSdeG, ese proceso comezará no outono.
O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, coa ex portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra. (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, coa ex portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra. (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)

A vicesecretaria xeral do Partido Socialista (PSOE), Adriana Lastra, fixo pública esta segunda feira a súa dimisión como integrante da cúpula orgánica da formación política.

Lastra, que xa presentara a súa renuncia días atrás ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, argumentou motivos persoais para tomar esta decisión cando queda pouco máis de ano e medio para as eleccións estatais.

"Ante a dificultade de compaxinar as exixencias de repouso e coidados, imprescindíbeis na miña situación actual (está embarazada), presento a miña dimisión como Vicesecretaria xeral do Partido Socialista Obreiro Español", subliñou Lastra nun comunicado.

En setembro do pasado ano, a xa ex vicesecretaria xeral do PSOE fora substituída na portavocía do grupo socialista no Congreso polo tamén deputado Héctor Gómez.

Cambios na Executiva do PSOE

A dimisión de Adriana Lastra podería acelerar o proceso de renovación da Executiva do Partido Socialista que ten pensado levar a cabo Pedro Sánchez de cara ás eleccións municipais e nalgunhas autonomías que van decorrer en maio de 2023.

Aínda que estes cambios non terán lugar até despois do verán, os malos resultados nos comicios andaluces, histórico bastión do PSOE no que o PP acadou a maioría absoluta hai menos dun mes, fixo que o secretario xeral dos socialistas idease unha remodelación das estruturas orgánicas a nivel estatal e municipal.

No caso da Galiza, o PSdeG decidiu adiar para o outono o proceso de primarias das eleccións locais. Malia que nun primeiro momento considerábase que esta cita celebraríase antes do verán, o contexto político estatal e a proximidade do mes de agosto sitúa o horizonte á volta do período estival.

A intención da dirección dos socialistas é chegar ao inverno cos candidatos dos comicios municipais escollidos. Segundo sinalaron a Europa Press fontes socialistas, alí onde gobernan repetirán como candidatos os actuais rexedores, deixando as primarias para aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes onde non teñen a alcaldía.

Os socialistas galegos agardan, agora, que a dirección estatal do partido dea por aberto o proceso no mes de setembro, fixando nese momento o calendario definitivo. Na mesma dirección, apostan por non facer coincidir as primarias das locais coa elección do candidato para as galegas, onde gaña forza a opción de Valentín González Formoso.

Comentarios