Maioría absoluta do PP

Andalucía entrégase ao PP

O PP suma a maioría absoluta no ecuador do reconto. Mentres Ciudadanos fica fóra do Parlamento e a esquerda retrocede, Juan Manuel Moreno Bonilla, prepárase para gobernar en solitario.

Juan Manuel Moreno Bonilla, acompañado da súa parella diríxese a sede do PP andaluz.
photo_camera Juan Manuel Moreno Bonilla, acompañado da súa parella diríxese a sede do PP andaluz. (Foto:Europa Press)

O Partido Popular suma 55 escanos cando van escrutado 44,6% dos sufraxios. A formación conservadora incrementa a súa representación en 29 representantes e sitúanse na maioría absoluta, fixada en 55 deputados. Os resultados do partido son analizados como un éxito do candidato, Juan Manuel Moreno Bonilla, quen mesmo agochou as siglas do partido durante a campaña.

O PSOE mantense na mesma representación dos pasados comicios. O novo candidato socialista, Juan Espadas, repite os resultados de Susana Díaz, os máis baixos até a data do socialismo andaluz. Malia que os 33 escanos acadados están na liña dos agardados, a importante suba do PP deixa o partido nunha situación delicada.

Vox consolídase como terceira forza, aumenta en votos e escanos pero fica moi lonxe dos seus obxectivos de condicionar o futuro Executivo. Nesta liña, a aposta do partido verde de facer parte do Goberno non parece plausíbel, á vista sos números do PP. No caso de conformarse este escenario semella probábel que a súa candidata, Macarena Olona, renuncie ao escano para continuar na política estatal.

A coalición electoral de Esquerda Unida, Más País, Podemos e Yolanda Díaz fica moi por baixo das súas expectativas. A súa representación de cinco escanos está moi por baixo dos 17 acadados en 2019, nunha candidatura encabeza por Teresa Rodríguez, actual líder de Adelante Andalucía. Ao tempo, estes números van acentuar as tensións internas no espazo, cuxo proceso de conformación de listas estivo marcada polas tensións.

Adelante Andalucía cólase na asemblea andaluza. A organización articulada en base a antigos membros de Podemos, entre eles a súa cabeza de cartel, Teresa Rodríguez, e formacións do andalucismo de esquerdas, consegue dous escanos. Nesta liña, desde a candidatura consideran os resultados como un bo punto de partida para a consolidación dun novo espazo político

Ciudadanos fica fóra do Parlamento andaluz tal como avanzaban boa parte das sondaxes. O partido laranxa, parceiro no Goberno durante estes catro anos do Partido Popular, perde os seus 21 escanos, tras unha lexislatura cunha forte confrontación interna. Asemade, os resultados aumentan a crise da formación no conxunto estatal, avanzan na súa conformación nunha forma residual e comproba como os seus votantes pasan á casa grande da dereita.  

Comentarios