A desescalada dirixiráa o Goberno estatal, advirte Illa ás autonomías

O ministro de Sanidade avisou que o Goberno español "dirixirá" todo o proceso de transición no levantamento das restricións até alcanzar a chamada 'nova normalidade', aínda que terá "en conta" as achegas que remitan as Comunidades Autónomas.

Rolda de prensa do Ministro de Sanidade, Salvador Illa
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Imaxe: Europa Press)

O Goberno español confirmou  a súa intención de "dirixir" todo o proceso de transición no levantamento das restricións até alcanzar a chamada 'nova normalidade', aínda que terá "en conta" as achegas que remitan as Comunidades Autónomas, ás que quere "conceder" un papel "relevante" nesta nova fase que, segundo avanzou o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, podería iniciarse a partir da segunda quincena de maio.

Así o expuxo o ministro de Sanidade, Salvador Illa, en rolda de prensa conxunta coa titular de Facenda e portavoz do Executivo, María Jesús Montero, ao remataren a reunión do Consello de Ministras da sexta feira que aprobou a nova prórroga do estado de alarma até o 9 de maio, dentro dos termos autorizados polo Congreso.

Desta forma, Illa descartou que o Goberno estea a pensar en ceder o mando ás autonomías para a toma de decisións na chamada fase de desescalada, o que apunta a que o estado de alarma se estenderá alén do 10 de maio, cando venza a última prórroga autorizada pola Cámara Baixa, aínda que semella que si haberá un levantamento progresivo das restricións. 
Na tarde desta sexta feira, 24 de abril, o Executivo estatal xuntouse con representantes dos Gobernos autonómicos para traballar na definición dos marcadores que permitirán identificar que lugares están en condicións de ir levantando de maneira gradual as medidas de confinamento e reanudar a actividade comercial.

Eses criterios, "que serán comúns para todos", engadiu  Illa, "fixarán o marco baixo o cal o Goberno estatal dirixirá este proceso de transición cara á nova normalidade" que, esta vez si, "poderá ser asimétrico", de maneira que se permita a uns concellos avanzar cara á volta á normalidade máis rápido que a outros.

Pola súa banda, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, indicou que o Executivo estatal traballa en plans de tesouraría para un tratamento "individual" das Administracións e garantiu que "ningunha quedará sen liquidez", á vez que lembrou que as Comunidades Autónomas "poden contraer o gasto sanitario que precisen para facer fronte á pandemia". A ese respecto, Montero afirmou que o Ministerio de Sanidade autorizou que se acometan "todos os gastos necesarios" en materia de saúde".

Comentarios