Feixoo presentará a Sánchez unha proposta de desescalada para Galiza

O presidente galego exporá este domingo a Pedro Sánchez unha proposta de desescalada do desconfinamento para a Galiza con medidas concretas. 
 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, exporá este domingo ao presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, un plan de inicio da desescalada na Galiza.

Así o anunciou esta sexta feira, 24 de abril, ao rematar a reunión do Consello da Xunta. As medidas consisten en permitir saídas por unha hora diaria da poboación para realizar exercicio, mantendo a distancia social; reactivar obras en edificios, reabrir os mercados agroalimentares ao ar libre, os talleres mecánicos e os concesionarios automobilísticos. Tamén se contempla a reapertura de comercios, poñendo limitación ao aforo e mesmo con cita previa.

Feixoo afirmara que non presentaría unha proposta de desescalada do confinamento até ter o estudo epidemiolóxico da Xunta realizado ao completo, porén, sostivo esta sexta feira agora que as 75.000 probas PCR realizadas, os números de picos nas UCI, a cifra de altas e a evolución dos contaxios nos núcleos máis agudos amosan que “o virus na Galiza tivo pouca circulación e a maioría da poboación non tivo contacto co virus”.

Por ese motivo pediu “ao Goberno central autonomía para a Galiza tomar medidas, e para iso temos que ter un informe responsábel”, dixo o presidente baseándose en que as propostas de desescalada están avaladas polos comités sanitarios que asesoran o Executivo galego.

“Seguimos pensando que é imprescindíbel un horizonte de volta á nova normalidade en todos os sectores económicos, aínda que non se faga en todos á vez”, dixo Feixoo.

Por zonas e subzonas

Aínda que Feixoo non se posicionou a prol de fechar Madrid ou blindar Galiza na primeira fase da extensión do coronavirus si defende agora autonomía para xestionar a reapertura e a volta á normalidade na Galiza.

Nese sentido o Consello da Xunta analizou a primeiras fase de desescalada que é razoábel formular xa na Galiza e, dentro dela, entende que “se pode facer por zonas e subzonas do territorio galego” e subliñou que pode ser de forma diferenciada no rural.

“Non hai criterio científico que obrigue a tomar a mesma metodoloxía para os núcleos urbanos como para o rural”, dixo o presidente. “Hai que ter en conta as características demográficas e a mobilidade dentro desas zonas”. Con todo, de detectarse un rebrote nunha empresa ou estabelecemento “procederase a testar, apartar os positivos e polos en corentena e, se é preciso, fechar a empresa”, dixo Feixoo.

Máscaras

O presidente da Xunta voltou a pedir ao Goberno central que estipule “un criterio único de máscaras para toda España” e sinalou que, en concordancia co recomendado polo comité clínico da Xunta, posicionado a favor de que a poboación empregue máscaras,

O Goberno galego decidiu pór o primeiro paquete de máscaras de maneira gratuíta na primeira semana en que se habilite a medida para a persoas con rendas baixas. Este primeiro paquete conterá tres máscaras cirúrxicas e poderase recoller nas farmacias presentando a tarxeta sanitaria. Será de balde para persoas con renda mínima, pensionistas con renda anual por baixo de 18 mil euros e persoas desempregadas. Serán uns 700 mil galegos quen se beneficiarán desta medida, calculou Feixoo.

O presidente tamén demandou ao Executivo central que elimine o IVE das máscaras, que está en 21%.

Comentarios