As delegacións de Ucraína e Rusia viaxan a Istambul para retomar as negociacións

O novo cara a cara desenvolverase entre a terza e a cuarta feira na cidade turca.
EuropaPress_4348450_banderas_ucrania_rusia_mesa_negociacion_bielorrusia
photo_camera Mesa da negociación que se desenvolveu en Bielorrusia (Foto: Europa Press / Contacto / Lu Jinbo)

A cidade turca de Istambul acollerá unha nova rolda de contactos entre as delegacións negociadoras de Ucraína e Rusia, segundo aseguraron as autoridades dos tres países implicados, aínda que por agora non está clara a data.

David Arajamia, líder do bloque parlamentario de Servo do Pobo, o partido do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e parte da delegación, sinalou nunha mensaxe na súa conta na rede social Facebook que "a nova rolda de conversacións cara a cara entre as delegacións terá lugar en Turquía entre o 28 e o 30 de marzo".

Con todo, o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, xa anunciaba como "improbábel" que os contactos se retomasen xa onte. "De feito, hoxe [por onte] viaxan as delegacións. Esperamos que isto pase mañá [por hoxe], en teoría", explicou, segundo recolleu a axencia rusa Interfax.

Peskov subliñou que por agora non se pode falar de progresos", aínda que matizou que "o feito de que se decidise continuar coas reunións cara a cara é importante". "Por agora cinguímonos á política de non publicar detalles relacionados coas conversas", explicou.

"Cremos que isto só danaría o proceso de negociacións", argumentou, e subliñou que "o formato de conversas cara a cara permite que as negociacións estean máis concentradas e sexan máis ricas en termos de contido".

"Fin aos asasinatos"

Pola súa parte, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, mostrou o seu desexo de que sexan produtivas e que o principal obxectivo de Rusia "é a fin do asasinato de civís no Donbás, que durou oito longos anos mentres toda a progresista comunidade occidental mantiña silencio, sen facer comentarios críticos pese a que todo o mundo viu bombardeos contra infraestrutura civil, hospitais, garderías, clínicas e edificios residenciais".

Lavrov fixo fincapé en que Moscova busca que Ucraína "deixe de estar dirixida por Occidente e a OTAN". "Estamos obrigados a asegurarnos de que Ucraína [...] deixa de ser un país constantemente militarizado onde se planea situar armas que ameazan a Rusia", dixo, segundo recolleu a axencia TASS.

Nesta liña, cre que "aínda hai posibilidade dun acordo, dado que hai un entendemento sobre os erros a longo prazo máis groseiros por parte dos socios occidentais, aínda que por motivos obvios é pouco probábel que o recoñezan de viva voz".

Por outra banda, recalcou que un encontro entre Putin e Zelenski "sería contraproducente". 

Comentarios