Decretan o estado de emerxencia en Charlotte após dúas noites de disturbios

O gobernador de Carolina do Norte ordenou o despregamento da Garda Nacional na cidade. Os manifestantes protestan pola morte dun home negro por disparos da policía.

charlotte estados unidos racismo

Un ferido grave e ducias de carácter leves, enfrontamentos entre policías e manifestantes, barricadas, disturbios e ducias de detidos é o saldo, polo momento, das dúas noites de protestas en Charlotte (Carolina do Norte) pola morte dun home negro a mans de axentes da policía. O gobernador deste estado dos EUA, Pat McCrory, decidiu decretar o estado de emerxencia, así como ordenar o despregamento da Garda Nacional.

Os principais incidentes comezaron nos barrios negros desta cidade de 850.000 habitantes onde un 35% dos seus habitantes son afro-americanos, mais na segunda noite se estenderon a outras zonas. Grupos de manifestantes atacaron nalgúns puntos vehículos policiais ao tempo que acusaban a policía de racista.

Keith L. Scott, afroamericano de 43 anos, faleceu como censecuencia dos disparos efectuados contra el pola policía. Estaba lendo un libro nun aparcadoiro mentres agardaba que o seu fillo chegase do colexio, denuncia a familia, que cualifica o acontecido de asasinato. “Ía armado e os axentes víronse nunha situación de risco morte inminente”, afirman desde o corpo policial. Keith L. Scott pasa a engrosar a ampla lista de persoas de raza negra mortas en Estados Unidos a mans da policía. Máis de 170 no que vai de ano, segundo o reconto do The Washington Post.

A morte de L. Scott producíuse poucas horas despois de se coñecer outro asasinato dun afroamericano desarmado a mans da policía, Terence Crutcher. Desta volta en Tulsa, Oklahoma. E uns días antes a policía matara a tiros en Ohio a Tyree King, de 13 anos, un rapaz negro que levaba unha pistola de balíns.

Comentarios