Arxentina

Kirchner recibiu novas ameazas de morte once días despois do intento de asasinato

Tres persoas foron detidas até o momento: o home que intentou disparar a pistola, a súa parella e unha amiga deles. A Policía achou fotografías nas que posaban, presuntamente, con esa mesma arma.
Brenda Uliarte, parella do atacante, foi tamén detida pola súa presunta implicación. (Foto: Luna Alfredo / Télam)
photo_camera Brenda Uliarte, parella do atacante, foi tamén detida pola súa presunta implicación. (Foto: Luna Alfredo / Télam)

Menos de dúas semanas despois do intento errado de asasinato na Arxentina contra Cristina Fernández de Kirchner, a vicepresidenta do país vén de recibir unha nova ameaza de morte por vía telefónica.

Sucedeu, en concreto, na tarde da segunda feira, segundo precisou o ministro de Seguridade, Aníbal Fernández, que informou de que a chamada, breve, chegou a través do teléfono de Emerxencias 911 desde a cidade de La Plata, segundo recolle o xornal Clarín.

A xuíza federal encargada da causa de intento de magnicidio, María Eugenia Capuchetti, acordou reforzar a custodia e protección da ex mandataria e actual vicepresidenta a raíz das últimas investigacións.

Tres detidos

As autoridades policiais arxentinas detiveron, até o momento, tres persoas vinculadas presuntamente co intento de asasinato do pasado 1 de setembro, cando un home —o primeiro en pasar a disposición xudicial— apuntou cunha arma de fogo á cabeza de Fernández de Kirchner e premeu o gatillo en dúas ocasións, se ben, por causas aínda descoñecidas, as cinco balas que contiña non chegaron a dispararse.

O responsábel, Fernando Sabag Montial, continúa detido xunto á súa parella, Brenda Uliarte, tamén imputada na causa. Aliás, nesta terza feira sumouse a eles unha terceira persoa, amiga de Uliarte, pola súa suposta implicación.

Sabag e Uliarte aparecen en fotografías achadas no teléfono móbil do principal acusado posando coa arma que, segundo as pesquisas, foi a empregada contra a dirixente arxentina.

Comentarios