A crebadura dun glaciar deixa 200 persoas desaparecidas na India

O cambio climático afecta ao Himalaia. Este domingo a creba dun glaciar provocou 19 mortes e máis de 200 persoas desaparecidas na India. En  2013 varias riadas, corrementos de terras e o derrube de edificios xa causaran unha catástrofe
Captura de video dun dos lugares afectados pola creba do glaciar (Fonte: Twitter)
photo_camera Captura de video dun dos lugares afectados pola creba do glaciar (Foto: Twitter)

Unha avalancha provocada pola crebadura dun glaciar este pasado domingo na cordilleira do Himalaia, provocou, segundo informaron hoxe as autoridades indias, 19 mortes e máis de 200 persoas desaparecidas. O desastre tivo lugar no distrito de  Chamoli, no Estado de  Uttarakhand, cando unha potente columna de auga e lodo invadiu o curso dos caudais de varios ríos e provocou a evacuación de emerxencia de miles de persoas. 

Gran parte dos traballos de rescate céntranse na procura de operarios de dúas centrais hidroeléctricas en construción afectadas pola avalancha, nas cales a Policía estimou que habería unhas 146 persoas desaparecidas.

Na tarde do domingo, noutro túnel, logrouse rescatar doce delas. Até agora, os equipos de rescate na zona localizaron unha trintena de traballadoras e traballadores no interior dun túnel preto dunha das centrais, e tratan de acceder ao interior do lugar bloqueado por montañas de lodo e outros restos da avalancha. 

O primeiro ministro indio, Narendra Modi, anunciou o mesmo domingo que se concedía unha axuda polo equivalente de 2.700 dólares para as familias das persoas falecidas e o equivalente de 650 dólares para as feridas graves. 

Traxedia e cambio climático

Esta montañosa rexión no Himalaia indio rexistrou tamén en xuño de 2013 varias riadas, corrementos de terras e o derrube de edificios despois de que as choivas do monzón se adiantasen un mes e producísen un 68 % máis de precipitacións do habitual.

Daquela, a traxedia causara perto de 7.000 mortes ou persoas desaparecidas, moitos delas peregrinos hindús que acudiran a Uttarakhand para visitar algúns dos lugares máis importantes para esta relixión, e onde ademais nace o sacro río Ganges. 

Case oito anos despois daquel desastre, aínda non se tomaron medidas para tratar de evitar novas traxedias. Un total de 14 glaciares atópanse sobre os ríos  Alaknanda e Dhauliganga no Parque Nacional Nanda Devi da India. Segundo fontes gobernamentais dese país asiático, todos eles están a ser obxecto de diferentes estudos científicos por mor dos crecentes temores respecto aos efectos que poden ter sobre eles o cambio climático e a deforestación que padece o planeta.

Comentarios