A COP15 da ONU acorda que en 2030 até 30% do planeta ten que estar protexido

Os países máis desenvoltos multiplicarán por tres a axuda financeira.

Espazo da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)
photo_camera Espazo da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)

Despois de que en 2020 non se cumprira case ningún dos obxectivos fixados en 2010, a Conferencia da Organización das Nacións Unidas sobre Biodiversidade de Montreal (Canadá), COP15, organizada conxuntamente por Otava e Beijing, anunciou esta segunda feira un acordo con 23 obxectivos que as entidades ecoloxistas cualificaron de histórico. Brian O"Donnell, de Campaña pola Natureza, destacou que é "o maior compromiso de conservación da terra e dos océanos da historia".

O principal pacto é aumentar en 2030 a 30% a protección das áreas terrestres e mariñas no mundo, unhas zonas nas que recibe protección na actualidade 17% e 8% da superficie destas áreas. Así e todo, múltiples científicos defenderon que sería necesario alcanzar 50%.

Asemade, recóllese que a comezos da vindeira década terá que estar restaurada 30% da terra degradada pola acción humana, e o uso de pesticidas deberá reducirse "a niveis que non sexan prexudiciais para a biodiversidade", abordando ao tempo a eliminación da contaminación plástica.

Tamén se eleva a axuda internacional neste ámbito dos países máis desenvoltos, unha das principais exixencias do grupo de Estados en vías de desenvolvemento, dos 10.000 millóns actuais ao dobre en 2025 e o triplo en 2030.

Outro dos asuntos chave para os países menos desenvoltos foi o entendemento sobre as ganancias obtidas con medicamentos ou produtos cosméticos derivados dos seus recursos biolóxicos, e polos que non reciben beneficios.

Para alcanzar estas metas e evitar o acontecido a década pasada, na cimeira acordouse un sistema común de planificación e seguimento que permita revisar as estratexias estatais.

Comentarios