Portugal

Confirmadas as irregularidades nun caso que implica o presidente Rebelo de Sousa

Sanidade favoreceu atender persoas relacionadas co presidente da República.
O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Presidencia de Portugal)
photo_camera O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Presidencia de Portugal)

Nun comunicado difundido a quinta feira, a Inspeção-Geral das Atividades em Saúde de Portugal ratificou que “non foron cumpridos os requisitos de legalidade no acceso das dúas crianzas á consulta de neuropediatría”, en alusión ao tratamento recibido por dúas xemelgas luso-brasileiras en 2020 no Hospital Santa Maria de Lisboa, cun custo de catro millóns de euros.

As pescudas comezaron tras transcender un correo electrónico de Nuno Rebelo de Sousa ao seu pai, o presidente luso Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Democrata), no que demandaba axuda para que obtivesen os medicamentos que precisaban contra unha atrofia muscular espiñal, así como para que conseguisen a nacionalidade, que lles foi concedida, co obxectivo de recibir o tratamento en Portugal.

A familia das xemelgas era achegada á parella do fillo do mandatario.

Rebelo de Sousa rexeitou calquera responsabilidade e incidiu en que remitiu o caso á Casa Civil, un “servizo de consulta, de análise, de información e de apoio técnico” á Presidencia, refire o organismo, amais de a Maria João Ruela, asesora para asuntos sociais das comunidades.

"Algunha axuda"

Así e todo, a nai das crianzas, Daniela Martins, admitiu na canle RTP que tivo a “impresión” de que recibiu “algunha axuda”. A primeira consulta no centro médico foi solicitada polo daquela secretario de Estado de Saúde, António Lacerda (Partido Socialista), que se reunira previamente con Nuno para tratar o caso mais nega calquera irregularidade.

Porén, o documento divulgado a quinta feira corrobora que esa consulta foi ilegal. Ao respecto, unha investigación interna do hospital apuntara tamén a irregularidades relacionadas coa primeira cita.

Comentarios