Concentracións multitudinarias por toda Catalunya contra a represión policial o 1-O

Centos de miles de persoas toman parte nas mobilizacións nun país que se parolizou desde a primeria hora contra a violencia das forzas de seguridade españolas na xornada do refrendo. 

girona greve paro imaxe de 324 (TV3)
photo_camera Imaxe de 324 (TV3)

Día de concentracións multitudinarias en cidades e vilas de Catalunya. Centos de miles de persoas nas rúas para denunciar e rexeitar a violencia policial no 1-O. O que comezara como unha greve xeral e paro nacional pola mañá (cun amplo seguemento), callou a partir das seis da tarde en manifestacións e concentracións masivas. E a sociedade catalá respondeu. En Manresa (28.000 persoas na marcha), Girona 40.000), Vic, Badalona ou Sabadell – entre outras- rexistráronse das manifestacións máis numerosas da súa historia. En Barcelona, e antes de comezar a mobilización, a garda urbana falaba de máis de 300.000 persoas a secundar a convocatoria.

A mobilización decorreu nun ambiente reivindicativo e festivo. E tamén en alerta, pois temíase a intervención de ‘infiltrados’ para rebentar as manifestacións. Neste sentido, dese os estibadores do Porto de Barcelona advertían que policías e gardas civís de paisano abandonaban o ‘barco-piolín’ de paisano e en grupos en dirección a onde se realizaban as protestas.

O manifesto lido nas concentracións unitarias pedía a retirada dos corpos de seguridade do Estado de Catalunya. 

Greve xeral e paro nacional

Un país parado para rexeitar a represión e violencia policial. Unha imaxe inédita en Europa. Mais tamén era inédita en Europa a imaxe de antidisturbios a mallar en colas de votantes. A greve xeral convocada por sindicatos alternativos e o paro nacional apoiado pola ‘Táboa democrática’ deixan unha terza feira que racha coa normalidade en Catalunya. O seguimento está a ser moi amplo, nomeadamente en sectores como a agricultura, a estiba (100%), o ensino, o comercio ou o transporte público, así como en pequenas e medianas empresas. Mercabarna, o polígono alimentar que concentra os mercados maioristas de Barcelona e contorna, non opera após decidir as 770 empresas que a integran secundar o paro.

As dúas principais factorías, Seat e Nissan, están a operar, mais a greve déixase notar noutros polígonos industriais, segundo CGT, CNT, COS, Intersindical- CSC e IAC. Hai naves e fábricas fechadas e levantáronse barricadas nalgúns accesos a polígonos. Ente as pequenas e medianas empresas, o seguimento abala entre 50 e 70%.

Un total de 24 manifestacións ocuparon e cortaron estradas e autoestradas en diferentes partes da rede viaria catalá, provocando importantes retencións. Aliás, varios medios de comunicación cataláns tamén se sumaron ao paro, nomeadamente os dixitais, anunciando que só cubrirían a información relativa a esta cuestión.

Comentarios