A comunicación política no ámbito dixital

Estase a celebrar estes días, do 5 ao 7, en La Habana a Conferencia Internacional "Nuevos escenarios de la comunicación política en el ámbito digital 2015". [Vídeo en directo no interior]

Conferencia  (Foto: Cubadebate)
photo_camera (Foto: Cubadebate)


O acontecemento conta coa presenza de expertos e delegados oficiais de máis de 30 países de todos os continentes e ten como marco o proceso de revisión dos 10 anos do Cume Mundial da Información e, segundo a organización, a cita quer propiciar un debate sobre temas fulcrais a nivel global, como o desenvolvemento e uso das tecnoloxías da información e a comunicación ao tempo que avalía o impacto destas nas relacións internacionais, a ciberseguridade  a gobernanza de internet ou a soberanía tecnolóxica das nacións.

Son eses temas e ideas, precisamente os que xa antecipara Raúl Castro no seu discurso na reunión da Cimeira das Américas cando dixo: “Non pode aceptarse que menos dunha decena de emporios, principalmente norteamericanos -catro ou cinco de sete ou oito-, determinen o que se le, ve ou escoita no planeta. Internet debe ter unha gobernanza internacional, democrática e participativa, en especial na xeración de contidos. É inaceptable a militarización do ciberespazo e o emprego encuberto e ilegal de sistemas informáticos para agredir a outros Estados.”

Ao evento asisten representacións oficiais de Arxentina, Angola, Bahamas, Bolivia, China, Perú, Djibouti, Ecuador, Haití, México, Mozambique, Nicaragua, Panamá, República Dominicana, Rusia, Uruguai, Venezuela e Zambia, así como representantes da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento e da Unión Internacional de Telecomunicacións, que participan no segmento oficial da Conferencia e conta ademais con  expertos de Brasil, España, Canadá, China, O Salvador, Guinea Ecuatorial, Estados Unidos, Hungría, Italia, Xamaica, Xapón, India, Palestina, Perú, Vietnam, Siria, Zambia.

A xeración de contidos

“Non pode aceptarse que menos dunha decena de emporios, principalmente norteamericanos, determinen o que se le, ve ou escoita no planeta"asegurou Raúl Castro na Cimeira das Américas

Un dos debates máis interesantes xerouse en torno á necesidade de modificar un dos elementos que máis lastra o proceso comunicativo en Internet, como é a carencia de políticas dirixidas a producir contidos, para que no uso diario, por exemplo das redes sociais, non sexamos simples reprodutores dos contidos doutros e non vaiamos alén de dar “gústame” a un contido en Facebook ou rechiar  o que outros publican en Twitter.

Con respecto a iso o blogueiro, Iroel Sánchez, destacou o proxecto de biblioteca colaborativa, Ecured, como unha boa proposta cubana na xeración de contidos. Ecured é un dos sitios máis consultados hoxe, non soamente en Cuba, que co empeño do seu grupo de traballo e a colaboración de moitos se logrou un espazo de contidos contrahexemónicos. 

Sánchez chamou a crear novos métodos nese sentido para enfrontar un mundo inxusto e desigual onde se asentou un pensamento neoliberal sobre Internet que busca imporse baixo a lei da selva.

A quen lle interesa que non haxa normas sobre Internet?, pergunta Iroel Sánchez, precisamente aos que teñen o diñeiro e a hexemonía para impor os seus contidos e dominios e se empeñan en que non fan falta infraestruturas tecnolóxicas rexionais. 

Para o autor do blog A Pupila Insomne, é esencial concibir proxectos non comerciais para se enfrontar a un dos maiores desafíos no tema dos contidos, como é que a maioría non teñen relación co territorio en que van ser consumidos. Neste sentido cita os propios textos escolares, contratados en moitas ocasións a países europeos, como España, para que os produzan para os latinoamericanos cando a realidade, o contexto e as necesidades son ben distintos.

A Conferencia desenvólvese en Cuba e non ten moita repercusión nestes eidos, mais tamén na Galiza deberíamos dar – ou retomar- este debate, agora que se están a introducir os novos textos derivados da implantación da LOMCE. 

Comentarios