Bruxelas, contraria á "división" e á "fragmentación"

Comisión Europea: a violencia "non pode nunca ser un instrumento en política"

Comunicado da Unión Europea sobre a cuestión catalá. Pau para Madrid -a violencia "nunca pode ser un instrumento en política"- mais pau tamén -e máis de fondo- para Barcelona: "Alén dos aspectos puramente legais desta cuestión, a Comisión europea acredita que estes son tempos para a unidade e a estabilidade, non para a división nen a fragmentación". Bruxelas enfatiza que o referendo foi "ilegal" de acordo coa Constitución española.

 

EC
photo_camera Margaritis Schinas

Conferencia de imprensa do portavoz da Comisión Europea, Margaritis Schinas, esta segunda feira e enchente de perguntas de meios internacionais sobre a avaliación que a Bruxelas lle merecen os acontecimentos producidos este domingo en Catalunya, con especial protagonismo para a brutalidade policial.

Shinas limitouse a ler un comunicado oficial do goberno comunitario. Nos aspectos máis puramente políticos, o pronunciamento de Bruxelas alíñase coas teses de Madrid en asuntos fulcrais. Primeiro, se Catalunya se independizar, mesmo após un referendo acordado con Madrid, "o territorio saínte [ou sexa, Catalunya] atoparíase fóra da Unión Europea]". Segundo, a Comisión defende que estes tempos son "para a unidade e a estabilidade, non para a división nen a fragmentación".

Embora esta toma de posición tan favorábel aos intereses do Estado español, a Comisión Europea enceta o seu comunicado coa consabida alusión a que esta cuestión é un "asunto interno" de España que, iso si, "debe ser tratado en liña coa orde constitucional de España".

Canto á hipótese de a Comisión axir como mediador entre España e Catalunya, Bruxelas volta a deitar un balde de auga fría sobre as aspiracións do Govern. E, destarte, embora facer votos por que se pase do confronto ao diálogo, mostra a súa confianza "no liderado do primeiro ministro Mariano Rajo para manexar este complexo proceso desde o respeito á Constitución española".

En todo caso, Bruxelas si deixa claro que non partilla a focaxe represiva da cuestión catalá e nese sentido alega que "a violencia nunca pode ser un instrumento en política".

Alén do comunicado, Bruxelas informou de que esta tarde o presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, vai manter unha conversa telefónica con Mariano Rajoy.

Comentarios