A Comisión Europea pretende manter o Certificado Covid para viaxes na UE até xuño de 2023

A  actual vixencia do Certificado Dixital Covid remata en xuño deste ano, polo que Bruxelas pretende que o Parlamento Europeo e o Consello de Europa a prolonguen, cando menos, durante un ano máis. 
Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Europea presentou unha proposta para poder prorrogar, cando menos até xuño de 2023, a vixencia do Certificado Dixital Covid. Este documento permite viaxar por todos os países da Unión Europea (UE) sen máis restricións.

O voceiro de Xustiza da Comisión Europea, Christian Wigand, xustificou a petición pola "prevalencia" que segue a ter a Covid no día a día da poboación. "Non é posíbel determinar nesta fase o impacto dun posíbel aumento dos contaxios na segunda metade de 2022 ou da aparición de novas variantes", incidiu Wigand.

O voceiro tamén insistiu en que Bruxelas mantén o carácter "temporal desta medida, mais prefire manter a prudencia e non avanzar na reducción de prevencións como a do Certificado Covid.

Agora, deberá ser o Parlamento Europeo e despois o Consello de Europa quen validen esta proposta para que poida ser efectiva. Wigand sinalou que a Comisión Europea espera ter lista e aprobada a medida antes de que expire o actual período de vixencia do certifcado, que remata en xuño deste ano.

Oportunidade para "controlar" a pandemia

A proposta de Bruxelas chega nun momento que a Organización Mundial da Saúde (OMS) define como "unha oportunidade para tomar o control da transmisión" da Covid-19 debido á "unha gran inmunidade derivada da vacina e natural por parte de Ómicron, unha pausa estacional favorábel ao saír do inverno e a menor gravidade de Ómicron"

Así o apuntou o director da Oficina Rexional para Europa da OMS, Hans Kluge, quen apunta que Europa atópase ante a "posibilidade dun longo período de tranquilidade", debido ao alto nivel de vacinación e de concienciación da poboación europea.

Se nalgo coinciden a maioría de investigacións e persoas expertas en pandemias é que a pandemia provocada polo coronavirus podería estar próxima a entrar nunha fase "endémica",  que suporía o remate da mesma.

Mentres iso non ocorre, institucións como a Comisión Europea optan por manter a prudencia e seguir a observar "como evoluciona a pandemia" no contexto do continente europeo.

Comentarios