A UE actualiza o protocolo Covid de mobilidade... que preciso para viaxar?

Os 27 estados membro da Unión acordan unha serie de recomendacións comúns para as persoas viaxeiras que, ao non tratarse de medidas de obrigado cumprimento, moitos países decidiron non aplicar.
A UE propón que o certificado Covid sexa suficiente para viaxar a países da Unión (Foto: Europa Press).
photo_camera A UE propón que o certificado Covid sexa suficiente para viaxar a países da Unión (Foto: Europa Press).

Os Vinte e sete estados membro da Unión Europea (UE) acordaron esta terza feira unha revisión das restricións de viaxe para adaptalas á situación sanitaria da persoa viaxeira e non ao risco de coronavirus na zona desde a que viaxe, o que supón que as e os titulares dun certificado Covid poderán viaxar sen restricións adicionais desde calquera lugar da UE, a pesar de que unha decena de gobernos europeos incumpre xa as recomendacións consensuadas polo bloque.

O obxectivo é simplificar as regras de mobilidade durante a pandemia e que até o de agora se debían basear no "mapa semáforo" que elabora o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), en función de criterios epidemiolóxicos, e estabelece o nivel de risco pandémico en cada rexión.

Que certificado preciso para viaxar?

Deste modo, as e os viaxeiros cun certificado Covid da UE que acredite a súa vacinación completa, a súa recente recuperación da enfermidade ou un test negativo previo á viaxe poderán desprazarse entre estados membros sen máis restricións, quedando así exentos, por exemplo, de corentenas ou probas diagnósticas adicionais á súa chegada a destino.

En concreto, o certificado de vacinación terá unha validez de nove meses salvo que a persoa reciba unha dose de reforzo; nese caso, prorrogarase de maneira indefinida. No que atinxe ás probas diagnósticas, a PCR manterase nun prazo máximo de 72 horas, mentres que o test de antíxenos pasa de 48 a 24 horas de vixencia.

Cando entrará en vigor esta medida?

Os ministros de Asuntos Xerais da UE deron o seu visto e prace ás mudanzas que entrarán en vigor o vindeiro 1 de febreiro, malia que se trata de recomendacións e non de regras vinculantes para as autoridades nacionais. Os estados membro teñen a competencia do control das súas fronteiras, polo que os gobernos poden non seguir estas directrices a pesar de acordalas a Vinte e sete.

Estas medidas aplícanse en toda a UE?

Non. Cando menos unha decena de países afastáronse xa das recomendacións actuais e impoñen restricións adicionais ás persoas viaxeiras con certificado Covid da UE que viaxan ao seu territorio, por exemplo, exixindo tests aos vacinados, unha medida que xa adoptaron Francia, Italia, Portugal, Alemaña ou Países Baixos.

No caso da validez do certificado de vacinación, que a Comisión Europea (CE) fixou co aval dos países en nove meses se o paciente non conta cunha dose de reforzo, varios estados membro afastáronse desta proposta e reduciron o período de validez.

Reaccións políticas

Preguntado por este asunto á súa chegada á reunión de ministros europeos, o secretario de Estado para a UE francés e presidente de quenda da UE, Clément Beaune, admitiu que non se pode "garantir" que todos os países da UE vaian cumprir o "marco europeo". Con todo, Beaune confiou en que non vaian "máis aló" porque o certificado xa é "estrito e protector" e porque caería de novo na "fragmentación" dentro da UE.

O secretario de Estado para a UE español, Pascual Ignacio Navarro Ríos, pola súa parte, considerou un "grande avance" que os 27 revisen as recomendacións de viaxe para adaptalas á situación médica do viaxeiro e non ao lugar desde o que viaxa, ao mesmo tempo que apuntou que este é o enfoque seguido polo Estado español.

Sobre a posibilidade de avanzar cara a unha xestión da pandemia na que o coronavirus sexa considerado como unha enfermidade endémica, tal e como suxeriu recentemente o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Navarro Ríos apuntou que a reflexión chegou xa ao seo da UE, mais aínda se atopa nunha fase moi prematura de debate. "É un debate que acaba de empezar a nivel de grupos de traballo, de expertos", indicou o secretario de Estado español á prensa, para indicar que o debate principiou "con toda prudencia" e que non se elevará a nivel político até que se teña escoitado e analizado as opinións de todas as persoas expertas.

Comentarios