Entrevista

Claudia Bernal: "A situación actual de Cuba está marcada polo bloqueo"

Claudia Bernal é unha enxeñeira que desenvolve a súa actividade profesional no Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía de Cuba. Estes días atópase na Galiza explicando as actividades do centro.

Bernal
photo_camera Claudia Bernal Estrada, directiva de Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía de Cuba. (Foto: Nós Diario).

Claudia Bernal Estrada (A Habana, 1995) é graduada en Enxeñaría Industrial pola Universidade Tecnolóxica da Habana e traballa como especialista de comercio exterior na Dirección de Importacións Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB), unha empresa distintiva da biotecnoloxía cubana que investiga, desenvolve, produce e comercializa aplicacións biotecnolóxicas e produtos biofarmacéuticos preventivos, terapéuticos e de diagnóstico, para os sectores biomédico, agropecuario e industrial.

O CIGB

1.600 persoas desenvolven as actividades do CIGB nas catro sedes do entro, en 10 áreas terapéuticas, estudando máis de 50 enfermidades e comercializan os seus produtos en máis de 35 países. O CIGB focaliza os seus estudos en catro áreas de investigación da biomedicina, biotecnoloxía animal, biotecnoloxía das plantas e enzimas industriais.

Bernal sinala a Nós Diario que “o CIGB é froito do pensamento do comandante en xefe, Fidel Castro, que desde épocas moi temperás detectou a importancia de desenvolver este sector en Cuba”. “Malia as restricións e limitacións Cuba pode desenvolver no mundo como fixo en plena pandemia vacinas propias contra a Covid, porque para Cuba por diante de todo está a saúde da súa poboación”, sinala Bernal.

O bloqueo

A enxeñeira considera que “a situación actual de Cuba está marcada e é consecuencia da imposición unilateral dun bloqueo económico e comercial desde hai máis de 60 anos por Estados Unidos”. Bernal recoñece que “é unha situación complexa produto do desabastecemento de bens que afecta a todas as esferas da nosa economía, sendo un dos principais problemas o acceso as divisas e a imposibilidade de acceder ao sistema financeiro internacional ou a inclusión na lista de supostos países promotores do terrorismo”.

“Resulta complicado abastecer os nosos mercados porque un número considerábel de parceiros comerciais non continúan o vínculo con Cuba debido ás medidas restritivas do Goberno estadounidense desde a época de Donald Trump”, destaca Bernal.

O impacto do bloqueo déixase notar nas condicións de vida da poboación cubana. A este respecto, afirma que “o bloqueo afecta aos servizos básicos da saúde e a outras esferas da sociedade”. Na mesma dirección, apunta que “as políticas de Estados Unidos priva as novas xeracións de moitas oportunidades”.

As políticas de Biden

O Goberno de Donald Trump endureceu o bloqueo porén “a administración Biden caracterízase polo inmobilismo”. Neste punto, Bernal asevera que “non tomou medidas significativas para mudar a política de Trump”.

“Biden non tentou promover unha política de achegamento a Cuba, retornando as medidas do Goberno de Obama até o punto que nos momentos máis duros da pandemia continuaron as medidas contra Cuba, chegando a prohibir a exportación de osíxeno”, declara Bernal.

Comentarios