A cidadanía forza nas rúas ao Congreso de Guatemala a frear un polémico orzamento

O Congreso de Guatemala anunciou hoxe que suspendera o trámite do polémico orzamento para 2021 que descoidaba por completo os servizos sociais. Fíxoo despois das fortes protestas do pasado sábado, nun país golpeado pola pobreza, a desnutrición infantil e a violencia. Males aos que se suman os furacáns e a Covid-19.
guatemala_protesta_21nov2020
photo_camera Concentración cidadá ante a sede do Congreso guatemalteco, na Cidade de Guatemala, o sábado (Foto: Nós Diario)

O 3 de setembro de 2015, despois dunha longa investigación xudicial e de meses de multitudinarias manifestacións, o entón presidente de Guatemala, Otto Pérez Molina, presentaba a renuncia ao cargo. Presionado polo clamor popular ante a súa involucración nun caso de corrupción, o Congreso retiráralle a inmunidade dous días antes, nunha semana ademais en que estaban convocadas eleccións xerais

"Rematamos con case 30 anos de silencio. Eramos unha sociedade afeita ao silencio pola guerra civil [1960-1996, coa Guerra Fría como pano de fondo]. Iso está a mudar, estámonos atrevendo a dicir o que pensamos, o que sentimos como país, como sociedade, como cidadanía e iso é un gran cambio", sinalaba na altura Gabriel Wer, un dos fundadores do movemento #RenunciaYa, que mobilizou as redes sociais e despois, de forma pacífica, a rúa. Familias enteiras manifestáronse aqueles meses. 

O pasado sábado de novo a sociedade guatemalteca ocupou o espazo público para mostrar o seu rexeitamento ao Goberno do presidente Alejandro Giammatei (do partido Vamos, de dereita liberal), ao Congreso (de maioría conservadora) e ao que, consideran, un sistema político totalmente corrupto. A protesta diante da sede parlamentaria tornouse violenta. Varias persoas encapuchadas lanzaron fachos por algunhas fiestras e a Policía reprimiu con violencia. Nas últimas horas, informouse da detención de 37 persoas, así como dunha vintena de feridos.

Desatención social

Foi a aprobación uns días antes, o 18 de novembro, do orzamento xeral para 2021 a isca que fixo prender a manifestación do sábado. O descontento acumúlase na cidadanía, que acusa o Estado de non atender as comunidades vítimas dos furacáns. Hai dúas semanas, Eta deixou medio cento de mortes e a evacuación de 97.000 persoas, segundo a Coordinadora Nacional para a Redución de Desastres de Guatemala (Conred). E hai poucos días, Iota afectou outras 15.000 familias ademais de causar un total de seis decesos.

Tamén desespera a poboación o abandono da sanidade, con hospitais sen medicinas e profesionais médicos sen cobrar, mentres os casos da Covid-19 continúan en aumento. E a isto súmase a pobreza e a desnutrición infantil que asolan un país onde o prezo dos alimentos volveu medrar neste último ano. Paradoxalmente, Guatemala é o país coa taxa de desemprego (2,5%) máis baixa de toda América Latina. Isto explícase pola ausencia de traballo formal, que leva as persoas a non o  demandar e, polo tanto, a non aparecer nas estatísticas como desempregadas. Non obstante, a Covid golpeou con forza a economía informal e levou á perda de numerosos empregos.

Sector privado

Precisamente, os recortes no orzamento de 2021 para loitar contra todos estes males enervaron a cidadanía. A maioría dos 99.700 millóns de quetzales (uns 10.800 millóns de euros, 25% máis que o exercicio anterior) están dirixidos á construción de infraestruturas en concesións ao sector privado, mentres que a saúde ou a educación non ven aumentada a súa dotación.

Arredor de 60% da poboación dos case 17 millóns de habitantes de Guatemala vive na pobreza. A desnutrición infantil afecta a case 50% dos menores de cinco anos. Son as guatemaltecas e os guatemaltecos boa parte de quen integraban a caravana de migrantes que a finais de 2018 camiñou con destino aos Estados Unidos á procura dunha vida mellor, fuxindo tamén dunha violencia endémica.

Á lista de agravios, engádense tamén de novo, como en 2015, acusacións de corrupción. Porén, desta volta a Fiscalía non iniciou polo momento ningunha investigación. E a diferenza de entón, seguindo o ronsel doutras protestas na rexión, algúns dos manifestantes o sábado fronte a sede do Congreso, na capital Cidade de Guatemala, exixían unha asemblea constituínte. 

Polo momento, conseguiuse que a principal demanda da protesta fose atendida: o Congreso anunciou onte que suspendera o trámite do orzamento e que non o enviará ao Executivo. Agora deberá ser substituído por outro antes do vindeiro 30 de novembro.

O Goberno invoca a Carta Democrática da OEA para "promover o diálogo coa oposición"

O Goberno de Guatemala anunciou hoxe a invocación da Carta Democrática Interamericana da Organización de Estados Americanos (OEA), para promover o diálogo coas forzas opositoras despois das intensas protestas do sábado.  A través dun comunicado, denunciou "actos de violencia que coordinadamente alteraron a paz pública", para "pór en risco a institucionalidade democrática".

Algúns sectores da oposición rexeitaron a invocación da Carta Democrática. Consideran que se trata dunha manobra de Giammattei para criminalizar a protesta e cualificaron de "cínico" o presidente, pois "a única violencia" é a que xerou o Goberno contra a cidadanía. Ao respecto, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) denunciou o "uso excesivo da forza" por parte das forzas de seguridade.

Comentarios