Chipre: a oposición pide a saída do euro ante o corralito bancario

A situación en Chipre comeza a ser impredictíbel. A oposición pide a saída do euro ante o corralito bancario.

A imposición dunha taxa fiscal sobre os depósitos -a confiscación de parte dos aforros, entre o 6,75 e o 9,99 por cento- xa é unha realidade no seo da UE. O corralito, que en Galiza coñecemos ben baixo a forma da quita aos suscritores de preferentes, xa non é un fenómeno privativo de América do Sul.

A tensión é máxima na illa. A última hora, o presidente Nikos Anastasiadis resolveu adiar a reunión que tiña previsto soster hoxe co Goberno e co Parlamento para dar conta do acordo coa UE. Nicosia pactou con Bruxelas o resgate do país, cifrado en 10.000 millóns de euros. A UE condiciona a entrega destes fundos a, entre novas políticas de recortes, a imposición desta taxa sobre os aforros. Formalmente é o Parlamento quen debe dar a luz verde ao resgate. A oposición xa ten anunciado que demandará a saída da zona euro.

Ninguén pode asegurar a día de hoxe que o corralito chipriota non se estenda nas próximas semanas a outros Estados da UE.

Comentarios