A irrupción de ómicron provoca o maior gromo da Covid-19 na China desde o inicio da pandemia

Segundo o Goberno chinés, desde o inicio da pandemia o país asiático sumou 116.903 positivos de coronavirus; segundo os datos da OMS, serían só 200.000 casos máis que na Galiza.
Probas de detección da Covid-19 na cidade chinesa de Anyang (Foto: Wang Zirui / SIPA).
photo_camera Probas de detección da Covid-19 na cidade chinesa de Anyang (Foto: Wang Zirui / SIPA).

O Goberno da China está a aplicar estes días fortes restricións para deter o que xa se converteu no maior gromo de Covid-19 desde que se detectara o primeiro caso en Wuhan hai xa máis de dous anos.

Así, segundo informa a axencia Reuters, varias provincias e cidades chinesas veñen de endurecer as medidas de contención da pandemia da man da política de "tolerancia cero" co coronavirus do Goberno que preside Xi Jinping.

Segundo os últimos datos achegados polas autoridades do país, nas últimas horas detectáronse perto dun milleiro de novos casos, unha cifra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) eleva a 14.835.

A China fora o maior exemplo de contención do coronavirus por mor da imposición de duras restricións desde o primeiro momento para evitar o seu espallamento, e así o corroboran os datos da propia OMS: até o 31 de decembro de 2021 só se rexistraran 131.780 positivos, case a metade que na Galiza naquela altura.

Porén, e de novo segundo a OMS, a irrupción da variante ómicron provocou que o país asiático multiplicase por seis os casos no que vai de 2022, alcanzando un total de 761.907 a día de hoxe —na Galiza son 521.615 na actualidade—.

Aliás, a OMS ten constancia de 9.482 persoas falecidas con Covid-19 na China desde decembro de 2019, malia que as autoridades chinesas reducen a 116.903 os contaxios totais e a 4.636 as mortes.

En consecuencia, do mesmo modo que cando principiou a crise sanitaria, o Goberno chinés está a adoptar medidas drásticas como o confinamento de até 17,5 millóns de persoas residentes en Shenzen, o centro tecnolóxico e económico do país.

A poboación desta rexión deberá ficar nas súas casas, cando menos, até o 20 de marzo, data até a que tamén se decretou o teletraballo, o fechamento dos negocios non esenciais e fortes restricións no transporte público.

Comentarios