A China fixa en 5% o seu obxectivo de crecemento do PIB para 2024

Li defende unha "transformación do modelo de crecemento" chinés
Li Qiang, primeiro ministro chinés, hoxe. (Foto: Johannes Neudecker / DPA)
photo_camera Li Qiang, primeiro ministro chinés, hoxe. (Foto: Johannes Neudecker / DPA)

O primeiro ministro chinés, Li Qiang, trasladou a terza feira que o obxectivo de crecemento do produto interior bruto (PIB) neste exercicio será de “arredor de 5%”, na inauguración da xuntanza da Asemblea Nacional Popular, como parte da cita lexislativa anual coñecida como ‘dúas sesións’, que inclúe a reunión da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés, que deu inicio 24 horas antes.

O evento, que rematará a vindeira segunda feira, ten como un dos eixos principais a economía. Nese sentido, Li salientou que “debemos impulsar a transformación do modelo de crecemento, realizar axustes estruturais, mellorar a calidade e aumentar os resultados”.

Asemade, fixo énfase en que “non debemos perder de vista os peores escenarios” tras afrontar o pasado ano un “conxunto de dificultades e desafíos entretecidos”, no marco dunha recuperación económica “aletargada” e da intensificación de conflitos xeopolíticos, do proteccionismo e do unilateralismo.

O déficit e a inflación, en 3%

Neste ano, a planificación económica chinesa aspira a que a taxa de desemprego urbana fique en 5,5%, cunha meta de déficit de 3%, a mesma que para a inflación, que agora mesmo está en cifras negativas.

Ao tempo, o primeiro ministro fixo pública unha iniciativa para estimular o consumo interno, cunhas baixas cifras, o que se une ás preocupacións pola caída no mercado inmobiliario e pola diminución das exportacións.

Cara ao 75 aniversario

Ao respecto, o xornal Global Times subliña os plans para impulsar o “desenvolvemento de alta calidade nun intento por converter o país nun gran país socialista moderno”, especialmente no ano no que a República Popular da China celebra o seu 75 aniversario.

Comentarios