O foro da Franxa e a Ruta remata con 92.000 millóns de euros en acordos

Beijing propón crear un "corredor loxístico que atravese Europa e Asia".
O presidente chinés, Xi Jinping, cos 23 xefes de Estado que acudiron ao foro e os líderes de organizacións internacionais, a cuarta feira. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera O presidente chinés, Xi Jinping, cos 23 xefes de Estado que acudiron ao foro e os líderes de organizacións internacionais, a cuarta feira. (Foto: Kremlin / DPA)

Xi Jinping, presidente da China, destacou a cuarta feira, no segundo é último día do terceiro foro da Franxa e a Ruta, que “os representantes empresariais concluíron acordos de cooperación por un valor total de 92.000 millóns de euros”, recolleu a axencia Tass.

Máis de 4.000 delegados de 140 Estados e 30 organismos internacionais participaron na reunión, unha década despois do comezo da iniciativa, que busca levar a cabo unha versión moderna da antiga Ruta da Seda por medio da cooperación internacional, e que levou á construción de plantas de enerxía e infraestruturas arredor do mundo, especialmente en África, Asia e América Latina.

Corredor loxístico

O mandatario chinés presentou un plan de oito puntos que detalla a seguinte fase da iniciativa para xerar un crecemento de “alta calidade” a longo prazo. En primeiro lugar, subliñou o obxectivo de desenvolver un “corredor loxístico que atravese Europa e Asia”, con base no transporte ferroviario pero incluíndo o marítimo, aéreo ou por estrada.

A proposta incide na promoción das innovacións científicas e tecnolóxicas, cunha cooperación “baseada na integridade” arredor de plataformas de cooperación multilateral que abarcarían desde o sector enerxético até a cultura ou a loita contra a corrupción.

Asemade, fixo énfase na defensa do desenvolvemento sostíbel e recalcou a necesidade de apoiar unha economía mundial aberta. Tamén comprometeu 45.000 millóns de euros para milleiros de programas de apoio a pequena escala nos 152 países afiliados á iniciativa.

Reunións bilaterais

En paralelo, o presidente da China participou en reunións bilaterais co secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, o presidente ruso, Vladimir Putin, ou o arxentino, Alberto Fernández.

Comentarios