luns 20.01.2020
Os dous países que máis CO2 emiten

A China e os EUA ratifican o acordo climático de París

A China e mais os EUA, os dous países que máis CO2 emiten, aproveitaron a reunión do G20 para ratificaren o acordo climático adoptado en decembro do ano pasado en París para reducir as emisións de dióxido de carbono. O pacto foi fortemente criticado entre os movementos ecoloxistas por ser insuficiente.

[Imaxe: G20] Unha das reunións do G20 na China
[Imaxe: G20] Unha das reunións do G20 na China

Os dous países do mundo que máis emisións de CO2 producen, a China e os EUA, aproveitan a reunión do G20 en Hangzhou (A China) para ratificaren o seu compromiso co acordo de París. No mes de decembro de 2015, cando tivo lugar a reunión do COP21, só 24 dos 180 países que se adheriron ao pacto entregaran os instrumentos de ratificación.

Para que o acordo entre en vigor é necesario que, cando menos, 55 países responsábeis do 55% das emisións globais de CO2 o ratifiquen. Hungría e Francia foron os dous primeiros países de Europa en facelo e, até o de agora, o total de países que presentaron a ratificación ascendeu a 34. Entre outros países, ratificaron o pacto de París o Brasil, o Canadá, Indonesia e o Xapón.

Os EUA e a China en conxunto representan máis do 40% das emisións globais de dióxido de carbono

Os EUA e a China en conxunto representan máis do 40% das emisións globais de dióxido de carbono. O xigante asiático aínda produce máis do 70% da súa electricidade a partir do carbón, que por si só representa o 24% destas emisións.

Un acordo insuficiente

O obxectivo do acordo de París pasa por manter a temperatura media mundial moi por debaixo de dous graos centígrados respecto aos niveis preindustriais. Para acadalo, amais de instar os Estados a tratar de non superar a suba da temperatura en 1,5ºC, empraza os países industrializados, responsábeis históricos do quecemento global, a axudaren a financiar os países en desenvolvemento.

Aliás, urxe os países a se comprometeren a controlar mutuamente os plans de redución de emisións. Con todo, o acordo de París non marcou porcentaxes para as irradiacións, principais responsábeis do quecemento do planeta.

As críticas das asociacións ecoloxistas

Asociacións ecoloxistas teñen denunciado que o pacto polo clima só convence as multinacionais e afirman que carece de ferramentas suficientes para frear o cambio climático. En declaracións a Sermos Galiza no mes de decembro, Fins Eirexas, secretario xeral de Adega, consideraba positivo o acordo na medida en que “se asume que hai un problema, o cambio climático, que precisa unha solución”.

Adega advertiu de que o plan de París, "lonxe de ser unha serie de compromisos, só é un conxunto de desexos e non é vinculante"

Porén, o representante de Adega advertía de que “non existen mecanismos que nos permitan pensar que se vai cumprir” e engadía que “lonxe de ser unha serie de compromisos, só é un conxunto de desexos e non é vinculante”. 

comentarios