Chernóbil, a 35 anos da maior catástrofe nuclear

O Goberno ucraíno reactivou a súa iniciativa para conseguir que a Unesco declare a área inmediatamente afectada pola catástrofe, a chamada Zona de Exclusión, que abarca un radio de 30 quilómetros desde os restos da central e que comprende a propia cidade, como Patrimonio da Humanidade. E faino a pesar dos estudos científicos que determinan que a radiación nalgunhas zonas tardará 24.000 anos en desaparecer.
Imaxe de arquivo da zona de exclusión de Chernóbil (Fioto: Yuri Kozyrev)
photo_camera Imaxe de arquivo da zona de exclusión de Chernóbil (Foto: Yuri Kozyrev)

A catástrofe nuclear máis grave na historia fixo esta segunda feira, 26 de abril, 35 anos, a explosión na central de Chernóbil. A emisión radioactiva deixou pegadas irreparábeis desde 1986: decenas de mortes directas, miles relacionadas (4.000  segundo a cifra oficial) e efectos que aínda se perciben na rexión (Chernóbil atópase no norte de Ucraína, moi perto da fronteira con Bielorrusia). De facto, o pasado ano un incendio nos bosques da zona provocou un aumento de radiación até 16 veces por riba dos niveis normais.

Prípiat, a localidade habitada máis próxima á central no momento da catástrofe, é unha cidade pantasma para os humanos.

Porén, e como leva facendo desde hai uns anos, o Goberno ucraíno reactivou a súa iniciativa para conseguir que a Unesco declare a área inmediatamente afectada pola catástrofe, a chamada Zona de Exclusión, que abarca un radio de 30 quilómetros desde os restos da central e que comprende a propia cidade, como Patrimonio da Humanidade. E faino a pesar dos estudos científicos que determinan que a radiación nalgunhas zonas tardará 24.000 anos en desaparecer.

Esta segunda feira, o presidente ucraíno, Volodymyr Zelenski, no seu discurso nun acto conmemorativo polo aniversario da catástrofe, pediu transformar o territorio afectado nunha zona de "renacemento".

Pola súa banda, o presidente de Bielorrusia, Alexander  Lukashenko, lamentou, no seu respectivo discurso noutro acto de lembranza, que a "catástrofe" de Chernóbil cambiara "o destino de millóns de persoas", mais considerou que "uniu os  bielorrusos" no seu "desexo" de salvar as rexións afectadas.

Lukashenko recordou que máis dun terzo da choiva radioactiva caeu en case unha cuarta parte do territorio do seu país, destacando que isto representa "case unha cuarta parte das reservas forestais de Bielorrusia", "máis de cen depósitos de materias primas e minerais" ou "265.000 hectáreas de terras fértiles".

O secretario xeral da ONU, António  Guterres, chamou a non esquecer o "sufrimento" e destacou que o 35 aniversario constitúe unha "ocasión" para recoñecer os esforzos de Bielorrusia, Rusia e Ucraína en prol da "recuperación" da zona e o "traballo dos científicos" para proporcionar análises destinados á "planificación de emerxencias" e a "redución de riscos".

Comentarios