O Consello de Europa reclama rematar coas expulsións ilegais

Avanzan as pescudas polas mortes en México despois do incendio nun centro de retención en Ciudad Juárez a comezos desta semana.
Rescate no mar Mediterráneo. (Foto: Michael Bunel / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Rescate no mar Mediterráneo. (Foto: Michael Bunel / Zuma Press / Contactophoto)

Nas fronteiras da Unión Europea (UE) prodúcense expulsións ilegais de migrantes nun “claro patrón” ao que se engaden denuncias por malos tratos das autoridades, por espir as persoas migrantes, utilizar munición real ou expulsalas a zonas potencialmente perigosas, criticou onte un informe do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, unha organización intergobernamental conformada por 46 Estados europeos.

Ademais, os migrantes capturados son levados a centros de detención que polo xeral teñen condicións “extremadamente malas” e que “podería equivaler a trato inhumano ou degradante”, explica o documento, que incide na “especial preocupación” nos casos de familias con crianzas, menores de idade non acompañados e persoas con diversidade funcional.

Malia recoñecer os desafíos para os Estados da UE á hora de controlar as súas fronteiras, o presidente do Comité, Alan Mitchell, insistiu en que “non significa que poidan ignorar as súas obrigas en materia de dereitos humanos”, e reiterou que “as expulsións son ilegais, inaceptábeis e deben rematar”.

En paralelo, a institución critica que se efectuaron “moi poucas” investigacións relativas a estas violacións dos dereitos humanos no continente, e as que si chegaron a desenvolverse “non adoitan ser eficaces”, polo que reclama que se impulse un organismo de supervisión que garanta medidas disciplinarias e penais para as autoridades que as cometan.

México

Ao respecto das investigacións pola morte de 38 persoas migrantes nun incendio nun centro de retención de Ciudad Juárez, en México, a comezos desta semana, a secretaria de Seguridade cidadá, Rosa Icela Rodríguez, explicou que as oito persoas detidas como sospeitosas dos feitos foron “dous axentes federais, un axente estatal de migración, así como cinco elementos da empresa de seguridade privada” encargada do centro de retención, Servicios Especializados de Investigación y Custodia SA.

Asemade, Icela explicou que amais de ser investigada, a empresa será vetada para continuar operando en territorio mexicano, e defendeu que “todos os servidores públicos debemos de actuar con ética e humanismo, son inaceptábeis aquelas accións que non dean trato humano aos migrantes”.

A fiscal Herrerías Guerra confirmou que, como amosaban vídeos difundidos do centro de retención de Ciudad Juárez durante o incendio, os sospeitosos non abriron as portas para que os migrantes puidesen escapar do lume, e apuntou que se está a investigar o motivo da protesta que desencadeou o incendio.

Comentarios